O BNG esixe ao goberno un control sobre as exportacións de leite de outros países

O BNG esixe ao goberno un control sobre as exportacións de leite de outros países

27 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O BNG no senado manifestou a súa preocupación pola actual situación que está a vivir o medio rural galego e pediu medidas ao goberno para tentar atallar o estado no que se atopa o sector agrogandeiro. Así, a través do senador por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, esixiulle ao Goberno que “controle as exportacións de leite procedentes doutros países, especialmente de Francia, para evitar un

Pérez Bouza respondeu deste xeito á intervención do Secretario de Estado de Medio Rural e Auga, Josep Puxeu, que , a petición do BNG, compareceu onte na Comisión de Medio Rural do Senado para informar da situación do sector lácteo trala última reforma da PAC.

O representante do Goberno recoñeceu que “a situación é moi complicada (....) cuns prezos que son de dubidosa viabilidade para as explotacións gandeiras”.

Neste sentido, Puxeu subliñou que as medidas adoptadas o pasado luns na Comisión de Agricultura da UE “son instrumentos de desconxestión, pero non de renda nin de garantía de rendas”.

O secretario de Estado de Medio Rural relacionou a actual crise de prezos que padece o sector produtor co “importante incremento da produción de grandes produtores lácteos, como son Estados Unidos e Nova Zelandia”, sen esquecer que as exportacións á Unión Europea diminuiron “a pesar de que a demanda se mantén”.

Como solucións avogou por pedir á UE “unha organización dun verdadeiro sector lácteo que poida facer fronte ás situacións deficitarias e excedentarias de materia prima”.

O BNG demanda un incremento de cota para o Estado Español, unha petición á que se opón o Goberno

Namentres, o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, expresou a súa “coincidencia” con algúns dos puntos expostos polo representante Goberno, pero salientou que “en boa medida, a situación actual débese a que o Estado Español é claramente deficitario en cota láctea”.

Pérez Bouza denunciou que “esta situación provoca que os estados excedentarios como Francia aproveiten para colocar os seus excedentes a un prezo moi inferior, un auténtico dúmping que busca acabar co sector lácteo español”.

Por iso, demandou que o Goberno “actúe ante a Unión Europea”, para que o Estado español incremente a súa cota até cubrir o seu consumo interno. Sen embargo, Josep Puxeu amosouse en contra desta iniciativa asegurando que “España non precisa un incremento de cota porque non teríamos demandantes, xa que actualmente non cubrimos toda a nosa cota dispoñible”. Para Bouza, esta resposta “non ten en conta que Galicia si que incrementou a súa produción, e sobre todo ten un gran potencial para aumentar a súa produción leiteira”.

O representante nacionalista tamén avogou por prorrogar o sistema de cotas máis alá do ano 2015 e que, “en todo caso”, se estableza unha “fórmula de compensación pola desaparición as cotas, un patrimonio no que os gandeiros galegos e galegas investiron millóns de euros e que van perder todo o seu valor”.

Por último, o senador do BNG demandoulle ao Goberno que “se sigan fomentando os contratos homologados , a ser posíbel cun sistema de prezos mínimos que lle garantan unhas rendas dignas aos produtores”.

Sociedade