O BNG esixe responsabilidades ao goberno galego pola desaparición do Códice

O BNG esixe responsabilidades ao goberno galego pola desaparición do Códice

11 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, e a deputada e portavoz de Cultura, Ana Pontón, piden á Xunta que deixe de lamentar a perda do Códice Calixtino desaparecido o pasado martes na catedral de Santiago de Compostela, e comece a tomar medidas acordes coa gravidade do sucedido.

Esta mañá, o líder do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Cultura Ana Pontón, compareceron ante os medios para falar do misterioso roubo do Códice Calixtino da catedral compostelá, declarando a súa preocupación e indignación ante o asunto. A deputada falou dun déficit de seguridade na custodia do patrimonio cultural do noso país, así como dunha demora esaxerada á hora da denuncia da súa desaparición. Ademais, esixiu responsabilidades ante unha infracción considerada polo partido como moi grave, e coa que o goberno galego está proxectando unha imaxe "lamentable" de cara ao exterior. Así, Pontón considerou urxente e necesario o establecemento dun debate sobre a custodia de pezas de tanto valor, e o papel que tanto o goberno galego coma nesta caso a Igrexa deben xogar no asunto. Pola súa parte, o portavoz do BNG mostrou a súa estupefacción ante a pasividade do goberno galego, recalcando a necesidade de tomar medidas con respecto á custodia deste patrimonio, e de  actuar en consecuencia do sucedido. Ademais de manifestar o seu desexo pola aparición da peza, Guillerme falou da necesidade do cumplimento das leis e dunha explicación veraz por parte do goberno galego. Mentres o resto das catedrais galegas denuncian a insuficiencia de medidas de seguridade nas súas instalacións, especialmente en comparación co valioso patrimonio que gardan nelas, o paradero do Códice Calixtino desaparecido o pasado martes en Compostela segue a ser unha incógnita, algo que está xerando cada vez máis espectación no turismo da capital galega, onde os visitantes amosan a súa "indignación" e "sensibilización" con respecto á xoia desaparecida.

Institucional