O BNG esixirá competencias exclusivas para Galicia en materia de pesca

O BNG esixirá competencias exclusivas para Galicia en materia de pesca

08 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

"Non imos tolerar que uns señores de Bruxelas nos digan o que temos que pescar e onde". Desa maneira apelou o parlamentario do BNG Bieito Lobeira á autonomía de Galicia en defensa dun dos seus principais sectores produtivos, que pretende reforzar a través dunha proposición non de Lei que reclama un "novo estatus político-institucional" para a Comunidade.

Entende Lobeira que os nosos intereses pesqueiros están a ser maltratados e que cómpre impugnar aquelas decisións das autoridades comunitarias, como a recente e importante rebaixa nas cotas de captura para a flota galega, que "nos maltratan" e "discriminan". O deputado nacionalista formulará que se reivindiquen as "competencias exclusivas galegas en materia de pesca en augas interiores", actuando "como un Estado" nos foros estatais e continentais.

A proposición do Bloque reclama asemade a presenza do Goberno galego no Comité de Pesca Hispanoportugués e a transferencia a Galicia das competencias en materia de investigación oceanográfica. Bieito Lobeira tamén acusou esta mañá en sede parlamentaria ao Partido Popular e á Xunta de "secundar e asumir" os acordos da Unión Europea relativos á redución de capturas para a flota do país cando segue a reclamar "máis fondos para o despece" das embarcacións.

Institucional