O BNG pregunta á Xunta pola retirada dunha subvención para o traslado do Curro da Capelada

O BNG pregunta á Xunta pola retirada dunha subvención para o traslado do Curro da Capelada

28 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Bloque Nacionalista Galego pide explicacións ao goberno de Núñez Feijoo pola retirada dunha subvención para o acondicionamento dun novo espazo para a celebración do Curro da Capelada. As deputadas nacionalistas, Ana Luisa Bouza e Tereixa Paz, veñen de presentar unha iniciativa reclamando explicacións á Consellaría do Medio Rural pola súa decisións de retirar a axuda.

As parlamentarias do Bloque lembran que a comezos deste ano, antes das eleccións do 1 de marzo, a anterior Consellaría do Medio Rural confirmou unha subvención ao concello de Cedeira para preparar o novo recinto, no lugar do Chan de Pozón. No documento explican que o cambio contou co apoio da asociación Pena Toxosa, organizadora da Rapa das bestas da Capelada.

Segundo o BNG, os traballos de preparación do novo curro están na actualidade en fase de execución, cun orzamento previsto de 52 mil euros, a sufragar entre o Concello e a Xunta a partes iguais. Ana Luisa Bouza e Tereixa Paz denuncian que logo do cambio de Goberno na Xunta, “a medidados deste mes de xullo, a actual Consellaría de Medio Rural retirou a subvención concedida ao Concello de Cedeira por uns supostos problemas burocráticos na documentación”.

Sociedade