O BNG reclama unha AP-9 pública

O BNG reclama unha AP-9 pública

15 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O BNG defende diversas iniciativas no Parlamento galego e Congreso dos deputados para reclamar do Goberno do Estado a anulación do incremento no ano 2014 das peaxes das autoestradas galegas, aplicar unha rebaixa nas tarifas e iniciar as xestións cara a recuperación da titularidade  da AP-9 ao fin de convertela nunha vía pública e gratuíta. Ante os medios de comunicación, as deputadas do BNG, Ana Pontón e Rosana Pérez presentaron hoxe

Na súa intervención, a nacionalista Ana Pontón asegurou que as autoestradas galegas son das máis caras do Estado e resulta “inaceptábel” que a única política do Partido popular sexa subir continuamente as tarifas. Dende o BNG, dixo, opoñémonos a esta suba “abusiva” e reclamamos a súa eliminación. Asemade, Pontón defendeu aplicar “rebaixas” e programas de descontos similares a outras autoestradas do Estado e “rescatar” a autoestrada AP-9, na actualidade privatizada. Para a deputada, a privación desta vía supuxo “unha fraude e un negocio pésimo para o Estado e para todos os galegos e galegas”. Hai que lembrar que a privatización foi no ano 2003 por un prezo de 1.566 millóns de euros que practicamente a concesionaria da empresa en 10 anos xa amortizou  e nos anos que restan de concesión ingresará sobre 3.000 millóns de euros. A parlamentaria salientou os prexuízos para o desenvolvemento económico galego dun negocio que cualificou de “ruinoso” ao que sumou un “servizo moi deficiente” na AP-9. inalmente, Pontón tamén denunciou  que o incremento das peaxes “penaliza ao sector do transporte” coa suba de peaxes por parte do Estado e o céntimo sanitario aplicado pola Xunta.

Pola súa parte, a deputada no Congreso, Rosana Pérez reiterou a necesidade de “rescatar a AP-9” para a titularidade pública e denunciou que a ministra de Fomento responda de maneira sistemática  ás demandas do BNG, nesta materia, cunha negativa e aplicando novas subidas nas peaxes.
A cidadanía galega, explicou, conta cunha vía que vertebra o Norte e o Sur de Galiza  que practicamente non pode utilizar, de aí o descenso de usuari@s na AP-9 por mor do seu prezo, sen embargo, engadiu, observase un importante incremento na N-550 como alternativa á autoestrada.
Nesta liña, Rosana Pérez criticou o recente anuncio de Ana Pastor sobre o plan de renovación da N-550 entre a Coruña e Santiago de Compostela para melloras do firme por un valor de 292.000 euros, cantidade que a nacionalista considerou “ escaso e ridículo” para resolver os problemas do firme do vial.
Rosana Pérez concluíu avogando por un cambio nas medidas do Ministerio de Fomento encamiñado a anular as subida, do 1,85% das peaxes,  estudar o rescate da AP-9 e demandar a AUDASA un plan de descontos.

Sociedade