O bosque sagrado das pasarelas

O bosque sagrado das pasarelas

21 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde lucense, José López Orozco, presentaron esta mañá no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) a Gala Lvcvs Moda que, logo do éxito do ano pasado, ambas institucións decidiron reeditar co obxectivo de difundir no exterior o talento creativo dos deseñadores e artesáns lucenses e converterse en punto de atracción de visitantes

Nesta segunda edición, o evento está dedicado ós bosques ó ser o Ano Internacional destes espazos naturais e Lugo unha das provincias españolas con máis Reservas da Biosfera. De aí, o nome Gala Lvcvs, palabra que significa “bosque sagrado”. Contará coa participación de seis deseñadores lucenses (duplicando o número do ano pasado) e 14 artesáns da provincia (dous máis ca no 2010), que amosarán os seus últimos traballos e algunhas creacións especificamente elaboradas para a ocasión. Toda a recadación de novo irá destinada a asociacións benéficas da cidade. As entradas, cun prezo de 15 euros (10 menos que na edición pasada), xa están á venda no Centro de Interpretación da Muralla, no Gabinete de Comunicación da Deputación de Lugo e nos establecementos dos deseñadores participantes. Para máis información, os interesados poden chamar ó teléfono de información cidadá 010 (chamando fóra da capital, 982.297.350). 

A actriz, modelo e presentadora con raíces lucenses María Castro, recoñecida en España a raíz do seu papel nas series Sin Tetas no hay paraíso e Terra de Lobos, ademais do teatro, será a presentadora da gala, que terá outra protagonista moi destacada, a cantante Lucía Pérez, a primeira artista galega que representa a España no Festival de Eurovisión. A Deputación fará unha homenaxe á cantante do Incio que, despois da gala da moda lucense, iniciará a súa xira europea antes da celebración de Eurovisión na cidade de Düsseldorf, en Alemania.  

Os deseñadores participantes son: INPE, Isabel Piñar, Luis Areñas by Manuela López, Manuel Bolaño, Montse Arias, e Sara Lage e Maru Calderón. Con respecto ós artesáns, estarán: Cecilia Carballo, Corazones Artesanos, Chica de Canela, Henry Huamán, Idoia Cuesta, María Rodríguez, Miguel Caamaño, Obradoiro, Óscar Rodríguez, Pilar Rodríguez, Ramón Álvarez, Ramón Lleó, Victoria Sancosmed e Vidal Revilla. 

O evento non sería posible sen a colaboración que prestaron de xeito totalmente gratuíto e desinteresado 16 colaboradores: os alumnos de Perruquería e Maquillaxe do IES da Piringalla; alumnos da Fundación TIC; zapaterías Cuplé, Rochas e Messalina; Hotel Pazo do Sangro; Concesionario Roysán; Comarcal 122; o deseñador Ramón Rebolo; Floristería Fento; Hedonai; spa Dolores Recarey; restaurantes España e Mesón de Alberto; o compositor Arturo Vaquero; e zapatería Dick & Paul. Como anécdota, este último establecemento creará un modelo inspirado nos bosques e despois cederao de balde ó CENTRAD. A gala, que implica a participación de máis de 100 persoas, será retransmitida pola Fundación TIC a través de varias canles de televisión en España, procurando o mesmo éxito mediático acadado o ano pasado, cando Tele 5, TVE ou revistas como Hola! ou Semana se fixeron eco do deseño lucense.   

Entroutras, as modelos que lucirán os deseños na pasarela serán: Sarah López Bujía; Danique Lavodrama, filla do xogador do Breogán e a modelo más nova que desfilou na Madrid Fashion Week deste ano; Lorena Barreiro, moza Pantenne para a revista Glamour; Raquel Quiroga, con orixes en Lugo e concursante no certame Supermodelo 2008; e Miriam Blanco, modelo galega que participou na última edición do reality Supervivientes de Telecinco.

Sociedade