ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Jesús Gomar (Fluvial Lugo), Estefanía Domínguez (Fluvial) e Alfredo Trincado (Náutico de Vigo) foron os principais triunfadores do III Duatlón de Guitiriz, que se celebrou o pasado sábado nas rúas da vila chairega. Mención especial para Gomar, que amosou que lle ten collida a medida ás estradas guitiricenses, xa que é a terceira vitoria consecutiva do atleta do club lucense. Ademais
En elite masculina, Jesús Gomar baseou a súa vitoria sobre os cincuenta participantes na súa regularidade. O primeiro sector, de cinco quilómetros a pé, estivo dominado polo propio Gomar, que formou un trío na cabeza xunto con Rubén Caamaño (Bricosa Arcade), que remataría segundo, e José Manuel Vieito (Bricosa Arcade), que abandonaría na transición ao ciclismo. A retirada de Vieito transformou o trío en dueto. O cambio non foi boa cousa para ambos, xa que foron alcanzados no segundo sector, de vinte quilómetros en bicicleta, por Alberto Trillo (Bricosa Arcade), e un grupo formado por Pedro Esmoris (Anigasa), Alejandro Pérez (Triatlón Ferrol), Álvaro Vilela, Emilio Lousa (Bricosa) e Agustín Gómez (Fluvial), que chegaron á segunda transición con cerca de 40 segundos de desvantaxe con Trillo, que lideraba a proba a falta do último tramo de cinco quilómetros de carreira. Foi aquí cando se impuxo a gran especialidade de Gomar, que recuperou a diferencia de un minuto e trece segundos para rematar en primeiro lugar cun tempo de 57:44. Vinte segundos mais tarde chegaba Caamaño para deixar o bronce a un Trillo que se afundiu un pouco nos últimos quilómetros. Alejandro Pérez, do Triatlon Ferrol rematou cuarto cun tempo de 58.23.
A categoría feminina non tivo historia e so contou cun nome de principio a fin. Estefanía Domínguez (Fluvial) non deixou dúbidas do seu triunfo e rematou en primeiro lugar nos tres sectores en disputa. A súa hora, seis minutos e vinte e oito segundos sacaron unha diferenza final de mais de 4 minutos ás irmáns Alonso Aradas (Triatlón Ferrol). Melina foi segunda a 4.12, e Camila terceira a 4.52. Outro dos nomes importantes foi o de Nerea Castro (Fluvial), que puido acadar o podio gracias ao seu segundo posto no tramo de ciclismo, pero que non puido coa forza das irmáns ferrolás e cedeu nos dous quilómetros e medio do segundo percorrido da carreira a pé.
Por clubes, as cores do Bricosa Arcade en masculino e do Fluvial en feminino se impuxeron sobre as estradas de Guitiriz. O segundo, terceiro e sétimo posto de Rubén Caamaño, Alberto Trillo e Álvaro Vilela valéronlle ao club santiagués para vencer ao máximo favorito, o Fluvial, que rematou segundo, a pesar de contar co gañador da proba individual, Jesús Gomar. O bronce caeu do lado do Anigasa Champion Chip Muralla de Lugo. En feminino, o Fluvial fíxose co triunfo cun tempo de 3.33.35, tres segundos menos que o Triatlón Ferrol. O triunfo sen paliativos de Estefanía Domínguez fixo que o segundo, terceiro e quinto posto das irmáns Alonso Aradas e Sara Velo, non fosen suficientes para triunfar. O terceiro lugar acabou no peto do EV-Confort San Roque.
Dous segundos. Esta exigua vantaxe nun sprint disputado separou a Alfredo Trincado (Náutico de Vigo) de José Luis Louzao (Universidade de Vigo). A igualdade entre estes dous atletas foi a tónica que presidiu a súa participación na vila chairega. Nos primeiros 5 qu. a diferenza imposta polo cronómetro foi de dez segundos a favor de Trincado, que foi decaendo na bicicleta ata chegar ao sector final, no que un último golpe de ril sobre a liña de meta deu o primeiro posto ao do Náutico e deixou segundo a Louzao. Carlos García (Fluvial), xa a 30 segundos, conformouse co terceiro lugar.
As categorías de atletas mais xoves deixaron, en Sub-23, a Jesús Gomar (Fluvial), Alberto Trillo (Bricosa) e Borja Conde (Club Atletismo Porriño) nos tres primeiros postos. En Cadetes masculino venceu Rodrigo Millán (Bricosa), con Jairo Fernández (EV-Confort) e Raúl Baleato (Bricosa) ao seu lado no triunvirato de cabeza. O Fluvial dominou en Júnior, xa que os dous primeiros postos foron para Francisco González e Brais Gómez, mentres que Ismael Viéitez (Triatlon Galaico) finalizou terceiro.
En cadete feminino foron Camila Alonso (Triatlón Ferrol), Rocío Gandoy (Fluvial) e Carolina Basanta (Fluvial) as que coparon as tres preseas, mentres que en Júnior, a gañadora foi Melina Alonso (Triatlón Ferrol), ocupando os outros dous postos Nerea Castro (Fluvial), segunda, e Sara Velo (Triatlón Ferrol) acabou terceira.
Esta foi a terceira edición do Duatlón que se fai no municipio de Gutiiriz, e que está coorganizado polo Concello, a través das Escolas Deportivas, e a Federación Galega de Triatlón. Esta competición inaugura o Campeonato Galego desta disciplina que combina a carreira a pé co ciclismo.