O buque Patiño non regresa a Ferrol polo momento

O buque Patiño non regresa a Ferrol polo momento

13 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fontes do Ministerio de Defensa confirmaron oficialmente a Radiofusión a noticia do cambio de plans do buque Patiño. Finalmente, o seu regreso á base de Ferrol previsto para o 25 de xaneiro non terá lugar polo momento, xa que, a petición do Cuartel Xeral da Operación Atalanta, puxo rumbo ao Golfo de Adén, no Océano Índico, entre Yemen, Yibuti e Somalia.

Alí se atopa secuestrado o pesqueiro Mozambicano Vega 5, xa fondeado en porto, a bordo do que se atopan dous galegos. A pesar de que o buque de aprovisionamento de combate Ministro Patiño tiña previsto o seu retorno a Ferrol por unha avería, e de que foi relevado desde o 3 de xaneiro pola fragata Canarias, finalmente quedará en Somalia uns días á espera de cómo evoluciona o secuestro do Vega 5.

Desde o Ministerio de Defensa non concretaron canto tempo terá que estar o Patiño en augas do índico, nin tampouco se xa está amañada a avería no seu motor, só aseguraron que o buque permanece na operación Atalanta por petición expresa do Cuartel Xeral da citada operación.

Sociedade