ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O Palacete Municipal do Concello de Cedeira acolle desde esta fin de semana os bosquexos do cómic A velliña vella, a adaptación ao formato da banda deseñada do famoso conto de Vicente Risco. A fundación que leva o nome do escritor ourensán, situada en Allariz, é a promotora desta publicación e mostra á que contribuíu o colectivo BdeBanda.
A velliña vella tamén tomará parte nas xornadas de animación á lectura que desde hai uns anos organiza en colexios a Fundación Vicente Risco.
O obxectivo desta iniciativa é achegar a obra complexa do escritor ourensán aos lectores máis novos para que despois se animen coa narrativa. Por iso, a fundación optou por un formato ameno e accesible, que ten moito de linguaxe subliminar, segundo comentou en Radiofusión o secretario da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez Risco.
A velliña vella inclúe ademais da historieta unha introdución que explica este conto, unha versión ao galego dun texto irlandés. Ademais, tamén conta con unidades didácticas de antropoloxía, arqueoloxía, plástica e lingua e literatura galegas.
O debuxante galego Kiko Dasilva prepara novo material de Risco en formato cómic, polo que nuns meses verá a luz unha mestura da obra Do caso que ll'aconteceu ó doutor Alveiros con A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Igualmente, para marzo preparan unha adaptación de Dédalus en Compostela.