O Camiño é unha romaría

O Camiño é unha romaría
02 de Xuño, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

“O Camiño agora é unha romaría”. Milleiros de persoas percorren cada ano o Camiño de Santiago. As diferentes rutas que levan a Compostela están cheas de xente de distintas procedencias e idades. Nada que ver coa experiencia vivida por Xesús Oca. El camiñou en solitario de Roncesvalles a Compostela en 1992, cando non había teléfonos móbiles, internet, servizos de transporte de mochilas…por non haber case non había nin albergues nos que durmir. Xesús Oca, camiñante experimentado, extraballador de Astano, relatou a Radio Fene a súa experiencia no Camiño 

ESCOITA O PODCAST:

“Xa non se podería facer o que eu fixen, agora hai miles e miles de persoas facendo o Camiño, aínda que queiras ir solo, case non hai tranquilidade nos albergues, soan os móbiles a todas as horas…”. Xesús Oca lembra que a primeira dificultade foron os preparativos. “Case botamos un mes preparando cuestións que agora están todas na internet, tiñas que mirar buses, combinacións co tren, chamar para preguntar a números de teléfono fixos que as veces non contestaban.., menos mal que me puiden facer coa primeira guía que houbo, sacouna Everest, pero non era a escala.” Era a única guía para seguir a ruta, “sempre seguindo a frecha amarela”. Pintounas o cura do Cebreiro, “el e un rapaz que o axudaba, ían polas obras collendo a pintura amarela e ían pintando as frechas”. Elías Valiño “era unha personaxe incrible, tivo moi mala sorte porque morreu pronto o non viu o éxito do Camiño”. Outro problema era onde durmir, “ata que chegabas ao sitio non sabías se había albergue, eran practicamente inexistentes, acababamos durmindo nas casas dos curas ou de xente que nos acollía, en concellos… durmías onde podías”. E os peregrinos non sempre eran ben vistos. Era frecuente que a veciñanza os miraran con desconfianza, sen prever o valor económico que chegaría a ter o Camiño de Santiago. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora