O camiño da rebeldía

O camiño da rebeldía
12 de Agosto, 2021 - 09:38 h. | Publicada por Radio Fene

Reboiras é “a punta do iceberg”, exemplo dunha xeración de mozos moi entregados que na década dos anos sesenta e setenta, dérono todo para erguer un movemento nacionalista na Galiza, afirma o xornalista Xosé Manuel Pereiro, autor (con Xurxo Martinez) do libro “Reboiras, o camiño da rebeldía” que ven de editar Aira das Letras. O volume aporta moita documentación sobre a vida do xove nacionalista asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 na rúa da Terra de Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:
Xosé Manuel Pereiro. Fotografía. Xan Xe Corral

Moncho Reboiras, con quince anos traballando nunha empresa construtora, xa lle encargaban levar os cartos da firma ao banco. Quizais por estudar enxeñería técnica industrial, era moi metódico, moi organizado e adicouse plenamente a estender a conciencia antifranquista e nacionalista galega. Moncho Reboiras escapou do número 53 da rúa Concepción Arenal, cando a Policía tiña rodeado o edificio. “Localizamos a policías que participaron no operativo pero non quixeron falar” afirma Xosé Manuel Pereiro, que relata tamén o periplo de fuxida de Lois Rios: “Aproveitou que era un dia de botadura e cruza a ponte das Pías, solicítalle refuxio a un matrimonio amigo da familia residente en Fene. Ao dia seguinte púxose a facer auto-stop diante do cuartel da Garda civil, o leva un encargado de Astano ata Betanzos, e alí colle o autobús de Vigo”. Ás poucas semanas, Lois Rios Paredes retorna a Ferrol onde continua coa formación de novas células nacionalistas que xa estaban en marcha naquel verán de 1975.

 A Moncho Reboiras alcanzoulle a policía con tres tiros polas costas cando tiña 25 anos en 1975. Tardaron máis dunha hora en entrar  no portal do número 27 da rúa da Terra. Era un portal de dobre folla onde quedaron as pegadas de máis de vinte tiros. Usaron unha táboa grande dunha obra para abrilo. En 2009 o goberno declarouno oficialmente vítima da ditadura franquista.

 

Fotografía: Xan Xe Corral

Sociedade

Publica o teu comentario agora