O camiño inglés amortígua a caída do turismo

O 65% dos turistas de Cabanas en outubro eran camiñantes
03 de Novembro, 2020 - 11:15 h. | Publicada por Radio Fene

O camiño inglés mantivo o tirón turístico no mes de outubro, cando menos no concello de Cabanas, segundo os datos da oficina de turismo.

O Camiño Inglés mantivo o tirón turístico de Cabanas durante o mes de outubro. É o que se desprende das estatísticas recollidas na Oficina de Información Turística da localidade, onde o 65% das persoas visitantes atopábanse en peregrinación a Santiago. Malia ter acusado un descenso importante no número total de visitantes a causa das restricións de mobilidade establecidas pola crise sanitaria, cómpre destacar que o 23% das visitas foron de persoas chegadas desde outros países, fronte un 50% correspondente a visitantes estatais e un 27% chegados desde outros concellos galegos.

En canto aos establecementos escollidos para pasar a noite, constátase un aumento importante no número de peregrinos que elixen albergues fronte aos meses anteriores, onde preferían aloxarse en establecementos hoteleiros. O resto de turistas repártense entre hoteis / hostais, autocaravanas, segundas residencias ou casas de familiares. Tamén mudou no mes de outubro a tendencia na compañía elixida á hora de viaxar, un 32% de persoas viaxaron soas, cifra idéntica para as que viaxan con outras amizades. Seguenlles de preto as viaxes en parella (un 29%) e en última posición as familias con menores (un 7% do total). Ademais, o 90% das persoas que visitaron Cabanas durante este pasado mes tiñan entre 30 e 55 anos.

A Área de Turismo organizou tamén en outubro, en colaboración co CEIP Eladia Mariño, unha saída con escolares para coñecer os muíños da parroquia de Porto. Durante a visita, guiada polo persoal técnico da Oficina de Información Turística de Cabanas, as crianzas coñeceron como funcionan os muíños, mesmo cunha demostración práctica, e tamén, aproveitando o outono, aprenderon sobre o mundo da castaña e recoller algún puñado delas.

(Na imaxe, a visita escolar a un muíño situado no río Ventín).

Cultura

Publica o teu comentario agora