O Camiño Inglés para no Museo do Humor

O Camiño Inglés para no Museo do Humor
12 de Marzo, 2021 - 02:18 h. | Publicada por Radio Fene

O Alcalde de Fene e a Comisaria do Xacobeo 2021 presentaron esta mañá no Museo do Humor o programa "Viñetas do Camiño" un ambicioso programa do que gozaremos entre maio e xullo.

ESCOITA O PODCAST:

Viñetas do Camiño: unha ollada patrimonial ao camiño inglés en Ferrolterra. Chámase así a iniciativa que poñerá en marcha o Concello de Fene, enmarcado no programa “O teu Xacobeo, contando coa colaboración económica da Xunta de Galicia. O proxecto pretende poñer en valor o Camiño inglés ao seu paso pola comarca a través da ilustración e do traballo de recoñecidos artistas plásticos. Tamén se pretende promocionar Fene e Ferrolterra como destinos turísticos e culturais. Esta mañá o Alcalde de Fene e a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, presentaron “Viñetas do camiño” en roda de prensa celebrada no Museo do Humor que ven ser o eixe deste programa. Con eles estiveron a coordenadora do Museo, Almudena Marcos e os edís de Cultura e Turismo, Justo Ardá e Ana Basoa, respectivamente. Os dous concretaron os contidos de “Viñetas do camiño” que se desenvolverá entre os meses de maio, e xullo.

Cecilia Pereira veu a Fene a felicitar ao concello porque o seu proxecto, dixo: “É un exemplo prefecto do que buscabamos, un Xacobeo de todos. É moi variado e implica a moita xente” afirmou a representante da Xunta. Juventino Trigo explicou que “Con Viñetas do camiño queremos aportar o que temos a ese colector que é o Xacobeo 2021 e promocionar o noso patrimonio e o da comarca”. Engadiu Trigo que todo parte do Museo do Humor, o eixe do programa.

Programa de "Viñetas do camiño"

Segundo explicaron os edís de Cultura e Turismo, as actividades inclúen un Encontro de ilustradores da comarca no Museo do Humor de Fene o dia 11 de xuño coa participación de Calros Silvar, Beatriz Seijo, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas e Eduardo Hermida. Do 20 de maio ao 10 de xuño desenvolveranse os Obradoiros no Museo do Humor e nos centros educativos para alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacherelato e FP que dirixirán os artistas: Calros Silvar, Carme Martín, Blanca Escrigas, Laura Bouza, Beatriz Seijo e Dulce Anca. Os artistas amosarán técnicas para debuxar o camiño.

Un obradoiro dos usuarios e usuarias do Centro Ocupacional de Aspaneps realizarán un mosaico colectivo e un cubo no que se reproducirá o trazado e as distancias do Camiño Inglés en Ferrolterra. Unha ducia de artistas realizarán debuxos ao vivo en distintos puntos do camiño inglés. A Andaina debuxada será a actividade central do programa e consistirá no percorrido o 12 e o 13 de xuño o traxecto que vai de Ferrol a Neda o primeiro dia e de Neda a Pontedeume o segundo. Durante a andaina, os artistas realizarán debuxos ao vivo.Participaran: Calros Silvar, Carme Martín, Blanca Escrigas, Laura Bouza, Beatriz Seijo e Dulce Anca. Tamén se contará coa participación de Elga Fernández, Leandro Lamas, Cristian Fojón, Xaquín Marín, Ana Martínez e Ito Mosquera.

Tamén haberá un ciclo de Contacontos e música baixo o titulo de "Humor peregrino" e unha Exposición física e virtual cunha escolma das obras saídas da Andaina. Viñetas do camiño conta cun orzamento global de 35.000 euros. O programa O teu xacobeo aporta 16.000 euros.

Cultura

Publica o teu comentario agora