O campus de Pontevedra fai o movemento de apertura para a entrada do xadrez na universidade

O campus de Pontevedra fai o movemento de apertura para a entrada do xadrez na universidade

13 de Marzo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por

A Comisión de Educación e Deporte do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade o pasado mes de febreiro unha proposición non de lei que insta ao goberno a implantar o programa Xadrez na Escola no sistema educativo español de acordo coas recomendacións do Parlamento Europeo. Os principais impulsores desta iniciativa, o deputado do Partido Socialista Pablo Martín e o presidente de honra da Federación Europea de Xadrez Silvio Danailov, mant

Martín aproveitou a súa visita a Vigo para explicar que a proposición que se aprobou no Congreso é o “compromiso político” que pode saír dun parlamento para instar ao goberno ao cumprimento da introdución do xadrez no sistema educativo español e tamén o seu fomento en espazos públicos, pero non supón unha modificación lexislativa. “Desde o parlamento forzamos ao goberno a adquirir ese compromiso político e agora é a el ao que lle corresponde tomar as modificacións lexislativas oportunas en coordinación e colaboración coas comunidades autónomas para que isto se poida levar a cabo”, subliñou o deputado socialista, ao tempo que explicou que agora se atopan na fase de ver como se pode levar a cabo a introdución deste deporte nas aulas, ao que engadiu que preferiblemente se tratará de introducilo en educación primaria, “pois pensamos que aínda hai espazo para facelo”, e como materia obrigatoria, non optativa, se ben isto á algo que aínda está sen decidir.

“O xadrez é a única actividade que reúne toda unha serie de valores deportivos e pedagóxicos que dificilmente se poden atopar noutra disciplina, algúns tan importantes para España como o feito de que mellora a comprensión lectora e o cálculo matemático, que son aquelas nas que, segundo o Informe Pisa, España debe mellorar”, lembrou Martín, ao tempo que explicou que o alumnado que cursa xadrez como materia desenvolve máis a intelixencia en diferentes parámetros, xa que aumenta as súas capacidades estratéxicas e memorísticas e desenvolve a concentración, entre outras moitas cualidades, “e todo a un custe económico moi baixo”.

Campus de Pontevedra

“Se todo sae adiante como está previsto vai haber unha demanda moi grande de profesorado de primaria e secundaria que precisará formarse para impartir xadrez ou para empregar este deporte na súas materias”, explicou tras a xuntanza o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, quen xa en 2014 asistira en Madrid a un encontro no que a institución académica viguesa asinou un protocolo de colaboración coa Federación Europea de Xadrez orientado ao deseño dun mestrado dirixido a formar ao profesorado para sacarlle o máximo partido a este deporte como ferramenta pedagóxica.

Dentro das especializacións da Universidade de Vigo o Campus Crea de Pontevedra amósase como o lugar máis axeitado para impartir este tipo de formación xa que conta cunha Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte onde este tipo de titulación de posgrao tería, a xuízo dos responsables universitarios, “un acubillo perfecto”, ao que se sumaría o feito de que a Universidade de Vigo contan con equipos de xadrez en diferentes categorías, incluída a primeira división nacional.

“A Universidade de Vigo xa comunicou e xa se comprometeu a ser a primeira universidade de España que introduza na súa estrutura académica a formación en xadrez e agora o que agardamos é que estes pasos que se están a dar cristalicen e consigamos a complicidade da Xunta para aprobar o mestrado e podelo impartir”, engadiu o vicerreitor, que participou nunha xuntanza á que tamén asistiu Teresa París, responsable de Educación do Concello de Redondela, un dos municipios galegos pioneiro na implantación do xadrez como ferramenta educativa.

Deportes