O capítulo do Prestige

O capítulo do Prestige

13 de Novembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Lémbranse? Hai once anos xustamente. Talvez estaban afanados nalgunha tarefa, ollando de esguedello para un televisor no bar, ou coa radio de fondo e captaron a nova dun barco que estaba en apuros a poucas millas do litoral galego. Chamábase Prestige, era dunha armadora grega, viaxaba baixo bandeira de Bahamas e trasladaba fuel nos seus tanques. Pasou demasiado preto da Costa da Morte, era monocasco e o mar puido con el. Aquel combustible tinguiu, sen metáforas, l

Foi entón, hai once anos, o tempo da acción. Logo chegou o da reflexión, talvez longa de máis, porque é hoxe precisamente, no día do aniversario do desastre medioambiental, en 13 de novembro, cando imos coñecer a sentenza do xuízo do Prestige. E a cousa ten case máis importancia por supoñer a clausura dun capítulo importante da historia de Galicia que pola verdadeira relevancia da resolución. Ao cabo, ninguén vai ir ao cárcere. A resolución poderá ainda ser recurrida ao Tribunal Supremo. No banco dos acusados sentan tres homes de avanzada idade: o patrón do Prestige, Apostolos Mangouras; o xefe de máquinas, Nilokaos Argyropoulos; e o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, acaso este o único vencellado coa Adminsitración política do momento, á que non se lle pedirán responsabilidades pola xestión do accidente. Aínda que saian penas de prisión na sentenza, ningún ingresará nela. Caben dirimir iso si as responsabilidades para satisfacer as perdas económicas. Cartos e non dignidade, así se escribe a historia destes tempos. Nunca Máis concéntrase fronte ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para botar hoxe un último berro contra a impunidade.

Sociedade