O castelo de Moeche volve á actualidade

O castelo de Moeche volve á actualidade
14 de Outubro, 2020 - 11:45 h. | Publicada por Radio Fene

Roi Xordo dirixiu a primeira irmandade de vilans formada en Ferrol en 1431. Os irmandiños foron arrsando ata Moeche, coa finalidade de acabar con Nuño Freire de Andrade o Mao. Roi Xordo destruiu o castelo de Moeche. As tropas de Nuño Freire derrotarán despois aos vilans e posiblemente matan a Roi Xordo en Pontedeume. A segunda revolta irmandiña comezará en 1467.

ESCOITA O PODCAST:
Ramón Carballeira, técnico de turismo de Moeche

O castelo de Moeche é actualidade porque ali se expoñen restos arqueolóxicos do municipio que estaban no Museo Arqueolóxico da Coruña. As dúas moedas e os restos de louza poden verse no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas. As pezas atopáronse entre 1991 e 2006 e dende Moeche recalcan a importancia de que estean no seu lugar de orixe. Plantexano case como unha “loita social”. A exposición destas pezas axuda á explicación da historia tanto do castelo coma do Concello. Por esta razón, intentarán que fiquen na casa, segundo o técnico de Turismo de Moeche Ramón Carballeira.

A maiores das moedas e os restos de louza, gustaríalles traer un puñal que se atopou no pozo do castelo de Moeche, que se considera “unha xoia da coroa” no Museo Arqueolóxico da Coruña, un proxectil que se atopou no foso e a colección de agullas de tocador que se atoparon co puñal. Ven isto como unha oportunidade para incrementar as visitas e promocionarse.

A exposición estará no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas de Moeche ata o 15 de novembro. O Concello intentará que os restos arqueolóxicos queden como parte do patrimonio.

Cultura

Publica o teu comentario agora