O castelo de Pambre abrirá ao público en xuño

O castelo de Pambre abrirá ao público en xuño

30 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado, anunciou hoxe en declaracións a EFE que a principios do mes de xuño producirase a apertura ao público do castelo de Pambre. Trátase dunha fortaleza do século XIV, que está considerada como un dos mellores exemplos de arquitectura medieval do país e que sempre permaneceu pechada ao público.

A Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura abriu un expediente sancionador ao seu anterior propietario polo reiterado incumprimento da obriga de facilitar, un mínimo de 4 días ao mes, o acceso gratuíto ao castelo. Tras o falecemento de quen era o dono da fortificación, este deixouna en herdanza á congregación relixiosa dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres de Vigo, quen confirmaron que recibiron varias ofertas de particulares interesándose pola adquisición.

De todos os xeitos, os actuais donos prefiren negociar coa Xunta de Galicia e o alcalde palense asegurou hoxe que as negociacións «van por moi bo camiño». O mandatario dixo que están a pensar como xestionar a seguridade, xa que, precisou, non poden «deixar que a xente vaia por onde queira». Actualmente, dixo, está a formalizarse unha nova tasación, -existe unha que o valorou en 9 millóns de euros-, para poder afrontar a súa adquisición por parte da Xunta. «Eu creo -agregou- que todo vai con visos a podelo adquirir»

Sociedade