O castiñeiro aproveitado en Vilardevós

O castiñeiro aproveitado en Vilardevós

02 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Quen planta un souto, planta para outro. O refrán popular exemplifica o tardío aproveitamento dos soutos de castiñeiros. Hai que agardar uns 40 anos para realizar as cortas de madeira. Pero en Vilardevós (Ourense) van poñer en marcha un Plan Experimental para acelerar o aproveitamento do arbore dende os 8 anos, segundo explicou esta mañá o conselleiro do Medio Rural Alfredo Suárez Canal.

No transcurso dunha visita á zona, Suárez Canal referiuse tamén ao impulso de varias Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) que van permitir dotar de maior rendibilidade o monte sen alterar a súa estrutura da propiedade, entre elas dúas na Mezquita, unha na Gudiña e outra en Vilardevós. O membro da Xunta achegouse a Viana e Verín, e aproveitou para realizar un balanzo das actuacións do seu departamento nestas comarcas.

Plan especial de acceso ás viñas

O segundo capítulo ao que Medio Rural destinou un maior investimento nestas dúas comarcas foi o apartado das infraestruturas agrarias e das obras de concentración parcelaria, que acadou os 12.105.000 euros. Precisamente, unha das accións estrela postas en marcha pola Consellaría nesta zona, o Plan especial de acceso ás viñas adscritas á D.O. Monterrei, vén de comezar a executarse e prevé beneficiar a unha superficie global de 1.771 hectáreas, pertencentes aos concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Vilardevós e Verín.

Dotado con máis de 2 millóns de euros, este plan pretende favorecer o tránsito de maquinaria agrícola ata as fincas onde se cultiva a uva empregada por esta denominación, así como mellorar o acceso desde as parcelas ata as adegas onde se transforma o viño. O conselleiro puido comprobar sobre o terreo o inicio destes traballos na localidade de Vilaza, en Monterrei, onde asegurou que “mediante iniciativas coma esta, a Consellaría amosa o seu interese por reforzar as estruturas produtivas do sector agrario en Galiza, planificando as actuacións de mellora das infraestruturas alí onde máis o precisan os profesionais da agricultura e a gandaría”. Neste sentido, lembrou o cambio de orientación dado polo seu departamento ao comezo da lexislatura na política de infraestruturas e defendeu esta estratexia “como a única posible para contribuír a manter un medio rural vivo e produtivo”.

Institucional