ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A oposición quere que Alberto Núñez Feijóo aclare se a Xunta de Galicia mantivo relacións comerciais co narco Marcial Dorado na época na que o actual presidente do goberno autónomo era secretario xeral da Consellería de Sanidade. Reclamarán na cámara autónoma explicacións, detalles e facturación da adquisición de combustible para a calefacción dos hospitais.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparecerá no pleno do Parlamento de Galicia tras a publicación das fotografías co narcotraficante Marcial Dorado que publicou o xornal 'El País'. Así acordouse na Xunta de Portavoces, despois de que os grupos da oposición cederan ante o PP e o Goberno e, deste xeito, renunciaran a facer preguntas na sesión de control ao Goberno, que se celebran os mércores aínda que desta volta a comparecencia podería ser en martes. O intercambio que estableceu como condición o PP explicouno o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, quen asegurou que, de non ter aceptado a retirada das outras cuestións, os populares vetarían a comparecencia.
O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, explicou que pagou a pena aceptar as condicións para que por unha vez o presidente da Xunta atenda ás peticións de comparecencia dos grupos da oposición que, lembrou, tamén representan a parte da cidadanía.
Para o portavoz na Cámara autonómica do PSdeG, Abel Losada, a presenza de Núñez Feijóo no hemiciclo para responder sobre as súas fotos cun narcotraficante servirán para que dea máis explicacións, xa que até o de agora, afirmou, está a tomar aos cidadáns por parvos.
Mentres, o representante do PpdeG, Pedro Puy defendeu que dende o primeiro minuto o titular da Xunta está a facer unha demostración de transparencia neste caso, ao comparecer publicamente e pórse a disposición dos medios para clarexar as dúbidas arredor das fotos.
Nas últimas horas, ademais, o Partido Popular tentou forzar un xiro do debate arredor das imaxes de Núñez Feijóo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado. Agora, o eixo da súa comunicación pasa por estimular preguntas sobre a orixe da filtración das fotografías. Primeiro foi o secretario xeral do PpdeG, Alfonso Rueda, quen quixo chamar a atención sobre as insinuacións que terían feito os socialistas galegos sobre supostas relacións de Feijóo co narcotráfico. Pero nunha entrevista na Cadena Cope, o propio presidente afirmaba que un xornalista de El País, o medio que publicou as imaxes, lle asegurara que o PSOE levaba tempo presionándoos para que as publicaran en canto as tivesen.
Fronte as acusacións veladas do PP, o líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, quen manifestara no Parlamento que “Feijóo e o narcotráfico andaban aí, aí”, desbotou calquera relación coa filtración das imaxes. Mesmo dixo que non dubidaba de que o propio Feijóo non dubidaría en acusalo se sospeitase del.
E mentres, o balbordo xerado arredor deste tema estendeuse tamén á política estatal, onde se interpreta a publicación das fotografías de Feijóo con Marcial Dorado como un atranco interesado ás aspiracións do presidente galego por gañar relevancia na cúpula do PP. Tras 48 horas de silencio dende este partido, finalmente onte os populares españois acudían en auxilio da honorabilidade do titular da Xunta. Facíao o voceiro do PP no Congreso, Alberto Alonso, cualificando a polémica de ataque “inxustificado e extemporáneo”.
Pola contra, a ex ministra socialista Trinidad Jiménez abundaba na tese da oposición galega de que o descoñecemento alegado por Feijóo das actividades ilícitas de Marcial Dorado non está suficientemente xustificado.