O Concello de Arzúa creará dúas zonas para xogos tradicionais

O Concello de Arzúa creará dúas zonas para xogos tradicionais

22 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O equipo de Goberno do Concello de Arzúa reuniuse onte na Xunta de Goberno para acordar a adxudicación de dúas importantes actuacións que se materializarán nos vindeiros meses, a construción da primeira fase do graderío do campo de fútbol do complexo deportivo de O Viso e a creación de dúas áreas de xogos tradicio

A primeira das actuacións foi adxudicada provisionalmente á empresa Construcciones Leonardo Miguélez, que presentou a mellor oferta das tres empresas que concorreron á convocatoria. Esta actuación conta cun orzamento de 331.000 euros, financiados na súa maior parte pola Deputación Provincial da Coruña (300.000 €), e nunha menor contía polo propio Concello. A adxudicación realizouse por un prezo de 262.573,45€ que se empregarán para a construción de novas gradas e vestiarios así como uns baños para uso público.

Con esta actuación completarase a renovación da práctica totalidade da infraestrutura deportiva existente no Complexo Deportivo de O Viso; de feito a renovación das gradas é unha das poucas actuacións que quedaba pendente despois de que nos últimos anos se teñan realizado importantes investimentos na creación e mellora dos servizos deportivos: pavillón municipal, campo de fútbol de herba artificial, pistas de tenis, pádel e voleibol.

Por outra banda, o proxecto das dúas zonas para xogos tradicionais en Arzúa tamén foi adxudicado provisionalmente no día de onte á empresa ATICORUNA S.L. O obxecto desta actuación é a recuperación e potenciación dos xogos que tradicionalmente se viñan xogando no rural galego; xogos e tradicións previos á recente revolución informática. Son xogos que potencian unha aprendizaxe espacial complexa, o desenvolvemento das habilidades psicomotrices e a relación co entorno á vez que nos achegan ás nosas raíces. Trátase tamén de dar un lugar fixo a determinados xogos que necesitan un espazo específico. Así propóñense dous ámbitos para o desenvolvemento destas zonas de xogo, a primeira delas sitúase no complexo deportivo do Viso con entrada pola Rúa Baltasar Pardal, nun espazo residual entre o campo de fútbol e a pista de atletismo. O segundo sitúase na área recreativa de Santa María.

Nas dúas áreas crearase unha pista para o xogo da chave e dúas para o xogo da petanca, tamén haberá unha zona de usos múltiples e outra denominada zona de aprendizaxe. O espazo estará cuberto cunha estrutura metálica que permita xogar aínda que chova.

Esta actuación está financiada pola Deputación Provincial da Coruña e por AGADER mediante unha subvención destinada á promoción do desenvolvemento de proxecto dinamizadores no rural galego. No caso de Arzúa a creación das dúas áreas de xogo terá un custe de 197.914,44 euros.

O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, valorou positivamente que se promovan dende as administracións “actuacións como a que se vai desenvolver no noso concello xa que permite a recuperación dunha tradición e a transmisión dos coñecementos que se foron adquirindo dunha xeración a outra”, salientou ademais que se trata “da posta en valor dun patrimonio moi vinculado coa cultura popular do noso país que é moi importante recuperar e manter”.

Sociedade