O Concello de Fene quere “normalizar” a recollida de grandes enseres

O Concello de Fene quere “normalizar” a recollida de grandes enseres

12 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Despois de  varios meses de incertidume, por fin se acadou unha solución á recollida de voluminosos no Concello de Fene. O problema ven arrastrándose dende o verán pasado, cando Sogama decidiu suspender a recollida destes residuos, obrigando aos Concellos afectados a buscar alternativas para o depósito dos grandes enseres.

O concelleiro de Servizos de Fene asegurou esta mañá en Radiofusión que o novo servicio está en marcha dende comezos deste mes con importantes novidades como a recollida un día á semana, no canto de facerse a finais de mes, ou o establecemento de puntos fixos para depositalos (polo de agora son os mesmos que os da recollida de plásticos e residuos orgánicos).

Segundo explicou Jose Antonio López, a nova empresa que se está a facer cargo dos voluminosos percorrerá Fene, a partir de agora, todos os mércores. No caso de coincidir en festivo, o camión pasaría un día antes ou o despois.

Ademais de reorganizarse e “normalizarse” o servizo, para o concelleiro socialista “este  novo contrato vai supoñer un importante aforro económico para as arcas municipais”, pasando de pagar ao redor de douscentos euros por tonelada a 130 que cobra o Punto Limpo de Narón.

Dende o Concello de Fene realizarase unha campaña de información para que todos os veciños e veciñas coñezan o novo sistema e os novos días de recollida. Así mesmo, lémbrase que xa non é necesario chamar por teléfono para avisar do depósito de voluminosos. O que sí, conclúe Jose Antonio López, sería bo que os veciños depositaran os obxectos a víspera do día de recollida, para poder retiralos da rúa o antes posible.

Sociedade