O concerto cabaret de Lilí Berlín na Escola de Idiomas de Ferrol

O concerto cabaret de Lilí Berlín na Escola de Idiomas de Ferrol

12 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A mellor maneira de aprender unha lingua é relacionándoa coa cultura do seu país. Esta é a filosofía que hai detrás das Xornadas Culturais que mañá venres se clausuran na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol.

Naceron hai case dez anos como unha pequena iniciativa dun grupo de mestres pero, dende o 2003, as Xornadas Culturais da Escola Oficial de Idiomas ocupan un lugar destacado na súa programación anual. De feito, están recollidas no proxecto do centro, segundo explicou a Radiofusion a vicedirectora da Escola. María José Conde.

A idea destas xornadas é achegar aos alumnos e mestres, pero tamén a calquera persoa que queira participar, as culturas dos distintos países cuxas linguas se ensinan no centro. A proposta de actividades é moi variada. Os tres días de Xornadas arrincan cun almorzo típico dos distintos países representados (Alemania, Francia e Inglaterra) coa posibilidade de probar determinados productos aos que habitualmente non temos acceso.  O resto do día desenvólvese entre talleres do máis diverso, proxeccións de películas ou documentais e actuacións musicais. 

Onte mesmo, na xornada inaugural, coincidían en distintos departamentos da Escola un taller de vals vienés, unha conferencia sobre Roberto Saviano e a presentación do proxecto “Unha imaxe, unha melodía…un recordo”, a cargo do grupo Berros do Castro.  E isto é só unha pequena parte porque as Xornadas Culturais da EOI continúan ate mañá venres con máis de trinta novas actividades, incluído neste segundo día un roteiro guiado por Ferrol, unha charla de Marcelino Fernández Maio, a proxección de película Gomorra e o concerto cabaret que ofrecerá ás oito do serán Lilí Berlín.

Para mañá venres, último día, anúnciase (entroutras cousas) un taller de baile de country así coma os concertos de Maghúa e Julie Guravich con Harry Navison cos que se pechará por este ano o certame. Ao remate anúnciase unha degustación multicultural na cafetería.

Cultura