O concurso de Relato e Debuxo - Filloa 2.010 puxo os nomes aos seus gañadores

O concurso de Relato e Debuxo - Filloa 2.010 puxo os nomes aos seus gañadores

29 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O xurado da XI Edición do Concurso de Relato e Debuxo - Filloa 2.010 fixo públicos os gañadores das diferentes categorías que compoñen o certame deste ano. Os traballos presentados procedentes de nove colexios da comarca foron 300. Os premios daranse durante a celebración da Festa da Filloa, contra as 13.20 horas do sábado 1 de maio.

Así, o mellor debuxo na categoría de ata 7 anos foi o de Cristian Prado Fernández, do CEIP “Veleiro Docampo”, de Castro; mentres que o segundo lugar correspondeu á alumna de Muimenta, María Pollán Díaz, pola súa obra “As filloas son boas para facer o camiño de Santiago”. Terceiro foi Laura Blanco Teijeiro, do “Veleiro Docampo”. De entre 8 a 11 anos, o vencedor foi “As filloas comezan o camiño”, de Noelia Arias Campello, do Ramón Falcón de Castro de Rei; o segundo recaeu en Laura Iglesias López, do CEIP Salvador de A Pastoriza; mentres que o terceiro foi para Adrián Naval Novo, tamén do Ramón Falcón. Os maiores, de entre 12 e 18 anos, tiveron en “O Camiño de Santiago-Camiño Norte” de Diego Barrera Cruz do Coelxio Virxe do Monte de Cospeito ao seu vencedor; mentres que o segundo posto foi para Esteban Rivas López, do mesmo centro; e terceiro acabou Javier García Francos, do CEIP Bretoña.

O certame de Relato tivo participantes só na categoría de 12 a 18 anos. O prmieiro premio concedeuse a Ánxela Montero Núñez, do IES “Xosé Trapero Pardo” de Castro, pola súa obra “unha historia de amor entre filloas e crépes”. O segundo mellor texto foi o de Borja Díaz Santiso, do colexio Virxe do Monte de Cospeito, e o terceiro para Laura Gómez Curras, tamén do Virxe do Monte.

Certame das Letras Galegas 2010

A Biblioteca Provincial de Lugo convocou o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras galegas 2010, nas súas fases local e provincial. Na fase local poden participar socios da Biblioteca Provincial, con narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, ou debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado Din A4, sobre o tema A cidade. Establécense tres categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11, e C, de 12 a 16.

O prazo de presentación de traballos rematará o próximo 10 de maio, debendo ser entregados na Biblioteca Provincial. O xurado seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos, recibindo os seus autores cadanseu diploma e lote de libros.

Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do certame, tamén convocada pola biblioteca, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. O fallo do xurado local farase público antes do Día das Letras Galegas.

Certame provincial

Na fase provincial do certame, tamén convocada pola biblioteca lucense, participarán os traballos seleccionados nas respectivas fases locais convocadas polas bibliotecas públicas municipais da provincia de Lugo, e na Biblioteca Provincial.

Cada biblioteca poderá presentar un máximo de tres traballos por cada modalidade e categoría, debendo remitir os traballos seleccionados as dependencias da institución provincial antes do próximo 28 de maio.

O xurado seleccionará por cada modalidade e categoría os tres mellores traballos, obtendo os seus autores cadansúa estatuíña de Sargadelos e un lote de libros. O fallo do xurado farase público no decurso dos primeiros días do mes de xuño.

Cultura