“Solicitamos anular a prórroga a ENCE pois hai decisións que se toman en 15 minutos mais teñen consecuencias durante séculos”, dixo na defensa da PNL o deputado de En Marea Antón Gómez Reino, que lembrou que da man da pasteira ía o monocultivo de eucalipto con todo o que iso xera na Galiza.
"Galiza non se vende, señor Feijóo e señor Rajoy. O seu lixo mellor fóra da Ría", concluiu en galego a súa intervención o deputado Gómez Reino. “Prorrogan unha empresa privatizada, poboada de ex altos cargos do PP e que destaca polos súa agresividade co ecosistema”, dixo, ao tempo que apontaba que “non xera nin riqueza nin emprego nin riqueza fiscal pois está domiciliada na Castellana de Madrid”.
O parlamentar de En Marea apelou mesmo o PP a que apoiase a moción, sendo "coherentes" co que o propio PPdeG ten defendido en época electoral a prol de retirar a pasteira da Ría de Pontevedra. Gómez Reino puxo o ramo á súa intervención citando a Eduardo Galeano, "un uruguaio que se posicionou contra as papeleiras no seu país". "As celulosas? Ah, si, os monstros que xeran bosques industriais artificiais, que resecan a terra e que a xente chama bosques mudos, porque neles non cantan os paxaros". Na votación da PNL presentada por En Marea, esta obtivo 23 votos a prol, 15 en contra e 5 abstencións.
Plataforma ENCE Fóra da Ría: “O Goberno en funcións non pode atrancar a comarca de Pontevedra durante 60 anos máis”
Con motivo da defensa da PNL, asistiron ao Congreso nesta xornada o portavoz da Plataforma ENCE Fóra da Ría, Xulio Carmona, e mailo portavoz da Marea de Pontevedra, Luis Rei. Para Xulio Carmona “o Goberno en funcións non pode atrancar a comarca de Pontevedra durante 60 anos máis. Agora mesmo hai sensibilidades no Parlamento e pódese botar para atrás algo que nunca se debeu aprobar. Isto non remata, irá acompañado de novas mobilizacións para impedir que os intereses privados e as portas xiratorias sexan os que se impoñan nesta decisión”