O conselleiro de Educación examina desde as aulas o Proxecto Abalar

O conselleiro de Educación examina desde as aulas o Proxecto Abalar

08 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as aulas Abalar do IES Pedro Floriani, de Redondela, das que se benefician no presente curso os estudantes de 1º da ESO do centro, que dispoñen de cadanseu ordenador ultraportátil na aula.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou as múltiples oportunidades que o Proxecto Abalar e o seu portal web, espazo Abalar, ofrecen para a activa participación das familias na educación dos seus fillos, así como para a intercomunicación do profesorado coas nais e pais. Ademais, recordou o importante esforzo que supón poñer en marcha un proxecto tan ambicioso como o Abalar, co que a Consellería impulsa a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no sistema educativo.

Deste xeito Vázquez Abad recordou o compromiso da Consellería con este instituto, no que estudan 401 alumnas e alumnos, “que se manifesta ademais a través das achegas de 15.850 euros coas que se dotou á biblioteca do centro, enmarcada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde 2010”. Neste sentido o conselleiro destacou tamén o traballo do propio centro no club de lectura desenvolvido por alumnado e profesores, “ fomentando nos máis novos o hábito lector, algo fundamental para o éxito escolar”.

Esta visita, na que Vázquez Abad estivo acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, enmárcase na rolda de encontros que está a realizar coas comunidades educativas de centros de ensino de toda Galicia, co fin de coñecer de preto as súas necesidades.

Institucional