O Conservatorio de Santiago quere ampliación

O Conservatorio de Santiago quere ampliación

05 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela fíxose cunha capacidade para 300 alumnos e alumnas. Hoxe conta con 503, pero a súa demanda potencial podería duplicar as prazas actuais. Conta con 56 docentes e cunha "carencia evidente de persoal subalterno e administrativo", segundo afirma o Bloque Nacionalista Galego.

O cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Santiago, Rubén Cela, acompañado das deputadas Ana Pontón e Carme Adán, ofreceu unha rolda de prensa para anunciar a presentación dunha Proposición non de Lei no Parlamento galego para instar á Xunta a dotar o Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela dos recursos materiais e humanos necesarios para poder desenvolver con normalidade o seu labor docente. “A Consellaría de Educación debe comezar os trámites necesarios para ampliar o edificio do Conservatorio de Música no terreo anexo cedido polo Concello e, ademais con carácter de urxencia, deberá dotarase do persoal subalterno e administrativo necesario”, segundo explicou Rubén Cela.

“A semana pasada tivemos unha reunión coa directiva deste centro para coñecer in situ os seus principais problemas de espazo e de persoal”, sinalou o candidato. “Cando se construíu o Conservatorio de Santiago non se realizou unha programación da obra acorde coas necesidades específicas da cidade, fíxose cunha capacidade para menos de 300 alumnos e alumnas e hoxe ten 503, cunha demanda potencial que practicamente podería duplicar as prazas actuais”, destacou o candidato. “Hai moitos nenos e nenas que gustarían de iniciar cursos e unha formación específica que non poden facelo por falta de prazas e, por outro lado, os que principiaron os seus estudos musicais nas súas cidades de orixe, cando veñen a Santiago de Compostela a estudar na Universidade prívaselles de darlles continuidade, porque non hai espazo suficiente para acoller máis alumnado”, engadiu.

“O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela é unha infraestrutura educativa fundamental para a capital de Galiza e para o sistema educativo galego, mais a día de hoxe ten unha serie de deficiencias que impiden dar resposta a todas as demandas e necesidades educativas da poboación”, sinalou o candidato.

Rubén Cela explicou tamén que o Conservatorio conta con 56 docentes “pero ten un problema evidente en persoal non docente posto que, dende a súa posta en marcha, duplicou o alumnado sen ser dotado de máis persoal subalterno nin administrativo, de feito o centro conta cunha soa persoa administrativa que non pode abarcar o volume de traballo dun centro destas características”, dixo.

Pola súa parte, a portavoz de Educación no Parlamento galego, Carme Adán, destacou o forte retroceso nos investimentos da Xunta ao ensino público, “estamos vendo unha política educativa con redución dos orzamentos de máis do 7% que no caso das infraestruturas chega ao 60%, o que impide a renovación de edificios que non cumpren coas necesidades educativas do momento”.

Cultura