ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O 4 de decembro de 1984 nacía a Asemblea de Mulleres de Astano, un movemento civil que colaborou na loita contra o desmantelamento do estaleiro de Fene. A semente plantouse apenas 24 horas antes. Unha comisión de mulleres lanzou un chamamento a través das ondas de Radio Fene que desbordou todas as previsións. O salón de actos da Casa da Cultura resultou insuficiente para acoller os centos de veciñas que acudiron á cita, decididas a non quedar de brazos cruzados ante o drama social que se aveciñaba.

A urxencia da mobilización respondía a unha cifra demoledora: a dirección de Astano acababa de remitir ao comité de empresa unha listaxe con 3.414 traballadores cualificados como "excedentes", o que supuña o despedimento de máis do 60% dun cadro de persoal composto por 5.689 persoas.
Un símbolo de resistencia
Tras esa primeira asemblea, a acción foi inmediata. As mulleres protagonizaron un histórico corte de tráfico na ponte das Pías, bloqueando o acceso principal a Ferrol. Sería o inicio dunha escalada de protestas que marcarían a axenda política da época.
Un dos episodios con maior repercusión tivo lugar o 8 de xaneiro de 1985, durante a inauguración do Instituto de BUP de Fene. Malia que se agardaba a presenza do presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, este delegou finalmente no conselleiro de Educación, Víctor Vázquez Portomeñe.
As mulleres trasladaron alí a súa indignación pola falta de apoio do goberno autonómico. Nun acto de protesta directa, tiraron ao chan os petiscos preparados para as autoridades e bloquearon a saída do coche oficial do conselleiro. Só a intercesión do alcalde de Fene logrou liberar a vía, deixando claro que, naquel momento, non habería "silveira que as atrancara".
Video documental este venres
O Concello de Fene sitúa a presentación do proxecto e documental “Mulleres da Reconversión”, impulsado pola Deputación da Coruña, como eixo central da programación do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. O acto terá lugar o venres 6 de marzo, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, e converterase nun espazo de recoñecemento público ás mulleres que participaron nesta iniciativa de recuperación da memoria colectiva.
A presentación contará coa presenza das protagonistas do proxecto, así como da deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra; do director do proxecto, Iago Varela; da directora de Navantia Fene, Carla Chawla; e da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy.
O acto servirá para visibilizar e homenaxear ás mulleres que viviron en primeira persoa o proceso de reconversión industrial, poñendo en valor o seu papel, moitas veces silenciado, nun momento clave da historia social e económica do concello.
Publica o teu comentario agora