O Correlíngua parte hoxe de Santiago con 4000 corredores

O Correlíngua parte hoxe de Santiago con 4000 corredores

02 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Correlingua comeza hoxe a sua andaina en Santiago coa participación de perto de 4.000 rapaces e rapazas. A carreira pola lingua percorrerá 15 vilas e cidades galegas até rematar en Ourense  o día 13 de maio. En total están incritos máis de 45.000 alumnos e alumnas. Para este ano acordouse que o lema das carreiras fose “En galego sempre somos”, sinalando a importancia da lingua como mellor vehículo de expresión da nosa identidade

A edición 2011 do Correlingua comezará en Santiago onde está prevista a participación de 4000 rapaces e rapazas de centros de todos o niveis educativos da comarca. A actividade que se celebra de xeito regular desde o 2000, consiste en diferentes carreiras que se celebran xa en 15 vilas de Galiza, e contará cunha participación de 45.000 rapaces e rapazas procedentes da maioría de centros educativos de todo o País.

Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega – Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo,  contando ademais coa colaboración entre outros dos Concellos de Ourense e a Coruña así como das deputación provinciais de Lugo, A Coruña e Ourense.

A marcha pola lingua parte da Praza do Obradoiro ás 11.30 e tras percorrer as rúas da cidade vella compostelana, rematará cunha festa pola lingua a partires das 11.50 de volta na praza do Obradoiro onde haberá actividades de animación para o alumnado de infantil e un espectáculo musical e de maxia a cargo do grupo Zenzar, gañador do concurso musical Cantalingua, onde o alumnado tivo a oportunidade de votar polo seu grupo preferido, e o ilusionista Martín Camiña, que levará a maxia da lingua ás rapazas e rapaces. Ademais nesta festa entregarase un premio aos grupos que máis animen a marcha pola lingua.

Sociedade