O Correlingua corre Ferrol

O Correlingua corre Ferrol

07 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cando chove e quenta o sol, Correlingua por Ferrol. Esa variación do refrán tradicional podería servir de crónica da mañá deste venres 7 de maio na cidade de Ferrol (A Coruña). Arredor de 800 escolares tomaron a Praza de Armas para participar na carreira polo idioma galego, Correlingua.A choiva e o sol acompañaron de xeito sucesivo a iniciativa.

O alcalde, Vicente Irisarri, recibiu esta mañá na praza de Armas aos arredor de 800 escolares de centros educativos de Ferrol, Narón e Neda que participaron na décima edición do Correlingua. Unha iniciativa a prol da defensa do idioma galego organizada pola Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG), o sindicato CIG e a Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración co Concello de Ferrol e a Federación de ANPAS de centros públicos. Este ano leva por lema “Galego, a forza do noso amor”, en referencia ao poeta Uxío Novoneyra, que será homenaxeado no Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio.

Logo de que os rapaces e rapazas participaran nunha carreira simbólica que se iniciara na praza de España e percorrera as rúas do centro de Ferrol portando pancartas en defensa da nosa lingua, o primeiro edil ferrolán subía ao escenario para darlle a benvida aos nenos e nenas de Infantil, Primaria e Secundaria que asistiron ao espectáculo lúdico-musical, protagonizado pola compañía de teatro de Lalín Fantoches Baj, especialistas en xogos malabares e xigantes, a formación musical de rock Machina Post-Bravú e o grupo de cantareiras do colexio San Xoán de Filgueira. Neste contexto, Vicente Irisarri invitou aos rapaces e rapazas a defender a lingua galega, o noso principal sinal de identidade, facendo uso dela no seu día a día, non só nas escolas, senón tamén nas rúas. Neste senso, animoulles a empregalo á hora de expresarse xa que, dixo, “é o noso idioma”.

A lectura dun manifesto elaborado polos alumnos do IES Portas da Auga de Ribadeo puxo o punto e final ao Correlingua 2010 en Ferrol, unha proposta de carácter lúdico-educativo que naceu para convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación da lingua galega. Neste interviron tamén a concelleira de Ensino de Narón, María del Carmen Espada, e representantes da organización do Correlingua e da Federación de ANPAS de centros públicos, quen animaron aos pais e nais a falar a lingua galega cos seus fillos para que esta se manteña tanto nas aulas dos centros de ensino como nas rúas.

A actividade arrancaba en Santiago o pasado 3 de maio, pasando logo polas localidades de Ourense, Ribadeo, Monforte de Lemos, A Estrada e Tomiño. Tras a súa chegada a Ferrol, retomarase o vindeiro luns, 10 de maio, en Vilagarcia de Arousa, sendo os próximos destinos Rianxo, Pontevedra, Lugo, A Coruña, Vigo e Verín.

Sociedade