O desvío de Ordes, máis perto

O desvío de Ordes, máis perto

17 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

As obras do primeiro tramo da ronda leste de Ordes comezaron esta semana. Consisten na construcción dun vial alternativo, coas que dende o grupo de goberno esperan resolver os problemas que provoca para a cidadanía o paso dos camións de SOGAMA polo centro urbano da localidade.

O trazado desta travesía alternativa, bordea Ordes polo Leste, facendo o percorrido N-550-AC-524-N-550, e permitirá a desconxestión da estrada nacional ao desviar o tráfico pesado que está a pasar polo casco urbano de Ordes.

As obras deste primeiro tramo realizaranse nun traxecto de aproximadamente 740 metros e o custo das mesmas é de 868.000 euros, incluidos nos máis de 2 millóns de euros que destinou para este proxecto a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta. A calzada terá aproximadamente 10 metros de ancho, cunha mediana central, beirarrúas e un carril bici.

Segundo explicou o alcalde, Manuel Regos, “esta foi unha das nosas promesas ao chegar ao goberno e tal e como poden comprobar os veciños e veciñas de Ordes estase a cumprir. Con estas obras solucionaranse os problemas que o paso dos camións de SOGAMA estaban a producir aos veciños e veciñas de Ordes, conseguindo o desvío do tráfico pesado do casco urbano do municipio”.

Sociedade