O disputado voto dos emigrantes

O disputado voto dos emigrantes

22 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

Cae de caixón. Un cidadán debe elexir aos representantes políticos alí onde vive, traballa e paga os seus impostos. A plataforma Se resides, decides nace para demandar un cambio na lexislación electoral que impida irregularidades como as detectadas en relación co Censo Español de Residentes Ausentes.

 

Se resides, decides traballará por conseguir a reforma en profundidade da actual Lei Orgánica de Rexime Electoral Xeral (LOREG, 5/1985) que regula o dereito de sufraxio e o seu exercicio.

A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercicio do dereito a voto –e todo o que ese exercicio leva aparellado– ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, imigrantes).Trátase como é sabido dun problema que a nosa sociedade arrasta desde hai moito tempo e que nos últimos anos adquiriu proporcións que dificilmente pode admitir unha sociedade que se reclama democrática.

Co seu lema, Se resides, decides, a plataforma deixa claro que entende que o voto ha de ser un dereito de residencia, non de sangue e, nese sentido, traballará para que o exercicio dese dereito sexa recoñecido de maneira efectiva a todas as persoas que residen de forma estábel e permanente na nosa comunidade.Traballará así mesmo para que os dereitos que se recoñezan ás persoas de orixe galega que residen de maneira permanente no estranxeiro se regulen de acordo con esa situación

Institucional