O DNI de Galicia

O DNI de Galicia
12 de Marzo, 2021 - 10:14 h. | Publicada por Radio Fene

Carvalho Calero: "Cantares Gallegos é o documento nacional de identidade de Galicia".

ESCOITA O PODCAST:

“Cantares gallegos é o DNI de Galicia” dicía Carvalho Calero da obra de Rosalía. Os estudos do profesor ferrolán sobre a escritora de Padrón contribuíron a recoñecer a figura de Rosalía e o seu significado real na literatura galega. Dicía Carvalho, que axudou á conciencia colectiva. En palabras de Martinho Montero, Cantares Gallegos xestouse en Madrid, estando xa casada con Murguía. Segundo nos conta, o impulso foi un libro do poeta vasco en lingua castelá, Antonio de Trueba, “Libro de los cantares” que acadou moita fama naquel momento. “Querendo imitalo, Rosalía superouno, como ocorre algunhas veces. Rosalía quixo facer máis” asegura Montero. Ademais de reflectir os costumes populares, fai unha defensa dos galegos e da súa lingua porque sabía do descoñecemento que se tiña desde fora do noso país.

“Carvalho Calero defíneo como unha apoloxía de Galicia e da lingua”. Analizando o contido e a forma de Cantares Gallegos, observamos unha linguaxe sinxela, asequible a todo o mundo. Pero ademais Rosalía fai un canto positivo, mesmo alegre, da realidade galega. Se confrontamos esa visión coa que nos da Emilia Perdo Bazán do mundo rural galego, vemos que é moi diferente” declara Martinho Montero. “ Son dúas maneiras de abordar a mesma temática da realidade galega”

(Na imaxe, foto da novela gráfica de Anxos García Fonte e Carlos Sardiña, Rosalía de festa)

Cultura

Publica o teu comentario agora