O encontro coa natureza de Alberto Sampaio

O encontro coa natureza de Alberto Sampaio

15 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Aula de Natureza “Juan Lembeye” do Xardín Botánico “Ría do Burgo” acolle unha nova exposición didáctica, Os frutos da terra em Alberto Sampaio, un importante historiador e viticultor portugués. A mostra, cedida polo concello de Vila Nova de Famalicão, pretende fomentar o coñecemento do norte de Portugal e Galicia, tan ligados historicamente. Na inauguración, este venres 18 de febreiro ás

Alberto Sampaio nace o 15 de novembro de 1841 en Guimarães. En 1858 comeza a estudar Dereito na Universidade de Coimbra, rematando en 1863. Nesta época faise íntimo amigo do poeta Antero de Quental, forma parte da Sociedade do Raio, asociación secreta dos estudantes contra as posicións retrógradas da Universidade e do seu reitor e publica os primeiros artigos de cariz filosófico e literario.
 
En 1869 integra unha comisión filial da Associação Arqueológica de Lisboa. En 1873 entra a traballar no Banco de Guimarães, que abandonará en 1878, e forma parte do núcleo de fundadores da Companhia de Banhos de Vizela. Entre 1873 e 1874 colabora na empresa literaria Leitura para Todos, dirixida por Camilo Castelo Branco. En 1876, coroando as súas investigacións sobre vitivinicultura, o viño de Boamense é premiado na Exposición Internacional de Filadelfia. En 1881 e cofundador da Sociedade Martins Sarmento. En 1885 escribe no xornal A Província, a convite do seu fundador, Oliveira Martins. Un ano despois, colabora coa Dirección do Palacio de Cristal na organización da Exposición Industrial do Porto, e en 1887, con Oliveira Martins, traballa na elaboración e redacción do Projecto de Lei de Fomento Rural. En 1888 publica o estudo A Propriedade e Cultura do Minho presentando, ao ano seguinte, na Sociedade de Instrução do Porto, a memoria “O Norte Marítimo”, que será publicada na Revista de Portugal, dirixida por Eça de Queirós. En 1892 a Revista de Portugal inicia a publicación de As Vilas do Norte de Portugal, libro que rematará en 1899. En 1900 principia as investigacións para o estudo As Póvoas Marítimas do Norte de Portugal, que deixará inacabado e, xa en 1907, colabora na obra Vimaranis Monumenta Histórica e outras publicacións. Morre o 1 de decembro de 1908 na súa Casa de Boamense, en Vila Nova de Famalicão. 

A exposición: 

É a través da ruralidade, tema transversal da súa obra e tan intensamente presente nas longas tempadas pasadas na Quinta de Boamense, en Vila Nova de Famalicão, que Alberto Sampaio se revela nesta exposición onde se abordan, separadamente, seis temáticas –a viña, o campo, a horta, o pomar, o xardín e o bosque-, que foron materia de estudo e experimentación na súas propiedades do Minho.

Nos dez paneis da exposición, deseñados para apelar a un encontro coa natureza e á “rítmica sucesión dos traballos rurais”, estamos diante dun vasto cadro da historia agraria.

A aproximación ao intelectual e agricultor, nun rexistro de intimidade e coñecemento do seu universo privado, faise a través de diversos obxectos e publicacións que lle pertenceron, expostos en vitrinas.

Podemos ver nelas os instrumentos do seu laboratorio, usados nas súas experiencias vinícolas, os premios das exposicións realizadas en Filadelfia (1876), Porto (1880), Berlín (1888) e París (1889), os libros especializados que mercou nas súas viaxes a Francia e Inglaterra, cos estudos máis recentes que neses países se facían ou os catálogos de novidades que encargaba. Todas pezas únicas traídas da súa casa para expoñer ao público. 

A mostra pódese visitar ata o vindeiro 31 de marzo de sábados de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 h. 

Cultura