O enriquecemento da autoestrada

O enriquecemento da autoestrada
05 de Marzo, 2019 - 09:46 h. | Publicada por Radio Culleredo

As obras de ampliación da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago de Compostela costaron 223,22 millóns de euros. A cambio de sufragar ese orzamento en 2011,  o goberno concedeu á AP 9 un 1% de suba anual das peaxes. Encarecerá as súas tarifas un 26,93% ata o ano 2043. Calcúlase que obterá como beneficio por esa porcentaxe máis de 1.400 millóns de euros. O Goberno outorgoulle á empresa concesionaria un 8% de intereses sobre o importe das obras, cando en realidade a firma logrou os cartos a un interese do 4,75%.

Autoestrada do Atlántico

O valor da autopista, segundo o último balanzo do Ministerio de Fomento é de 1753 millóns de euros. A concesionaria ingresou no 2017, un total de 156 millóns de euros. Segundo os cálculos da administración, dende hoxe a cando remate a concesión no 2048, a firma ingresará ainda 14.556 millóns de euros máis. Os usuarios xa deixaron nas cabinas de peaxe 2.865 millóns de euros. De chegar a ser realidade a previsión de negocio, o peto de Audasa multiplicará por dez o investimento realizado na construción da AP 9.

A concesión da autoestrada do Atlántico remataba no ano 2023. Sendo Manuel Fraga presidente da Xunta, e gobernando no Estado o Partido Popular, aprobouse renovar e prolongar a concesión da AP-9 até o ano 2043. Fíxose a cambio da construción dos nove quilometros do tramo de autoestrada entre Fene e Ferrol.  A obra contaba cun orzamento de 120 millóns de euros e inaugurouse en decembro de 2003. O Estado correu co custo das expropiacións. Como os beneficios anuais da AP-9 rondan os 60 millóns de euros, ao remate da concesión a cambio do investimento de 120 millóns, Audasa obterá un rédito de 1200 millons. Un enriquecemento ilícito, segundo calquera observador independente.

Sociedade

Publica o teu comentario agora