O exemplo de Thomas Müntzer

A loita dos chalecos amarelos como guerra dos pobres
11 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Analizamos “La guerra de los pobres” de Eric Vuillard. Ed.Tusquets co profesor Noel Blanco, unha historia do pasado para explicar o noso presente.

ESCOITA O PODCAST:

Ano 1524: os campesiños sublévanse no sur de Alemaña. O levantamento esténdese, gana rapidamente adeptos en Suíza e Alsacia. No medio do caos destaca unha figura, a dun teólogo, un mozo que loita xunto aos insurxentes, Thomas Müntzer. A súa vida é terrible e novelesca. A pesar do seu tráxico final, similar ao dos seus seguidores, foi unha vida que merecía vivirse, e merecía, por tanto, que alguén a contase.

Estamos diante dun libro que hai que poñer en conexión con outros aparecidos nos últimos anos na narrativa francesa, que teñen a intención de dialogar co pasado a través de contar un feito histórico para explicar o noso presente. “Un punto de reflexión para entender a nosa realidade política” explica o profesor na Universidade de Chicago, o mugardés Noel Blanco. Eric Vuillard fai coincidir a saída do libro coa loita dos chalecos amarelos en Francia.  

O libro é moi breve, conta de forma sinxela, entre unha novela e un ensaio moi ameno, unha revolta popular campesiña no sur de Alemaña no século XVI con Thomas Müntzer como líder dunha revolta que foi referente para pensadores posteriores como Engels. Afirma Noel Blanco que en “La guerra de los pobres” Vuillard interpela a realidade dos nosos dias. O episodio é pouco coñecido pero sempre reaparece cando a esquerda está reactivándose e busca referentes no pasado. “Coa pandemia as consecuencias económicas son terribles, a xente perde o traballo e os niveis de desposesión son extremos”.

O lector relaciónao directamente en Francia cos chalecos amarelos en folga polo encarecemento dos carburantes. Pero o libro abre unha porta á esperanza porque fala de como o pasado pode axudarnos a reconducir o presente. Como colofón, Blanco advirte que “este libro axuda a pensar que eses momentos transformativos saíron de momentos de gran audacia política”.

Cultura

Publica o teu comentario agora