O fenómeno mediático da literatura histórica a debate en Ourense

O fenómeno mediático da literatura histórica a debate en Ourense

08 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Encontros de escritores con lectores, Feria do Libro nos Xardíns do Posío, presentacións, mesas redondas, un ciclo cultural, ou a elección por parte de lectores de Novela Inmortal forman parte das actividades da Semana Auria de Literatura Histórica, que terá lugar en Ourense dese este domingo 10 ata o 17 de outubro. A feira pretende revalorizar este xénero literario e satisfacer o interese dos lectores, editores, escritores e profesionais.

Os obxectivos de Auria son a divulgación da literatura histórica e as súas novidades, dar a coñecer ao público os autores máis prestixiosos e descubrir os novos valores, analizar o fenómeno e o seu éxito, ademais de establecer pontes entre historia e literatura. “Estáse a producir un fenómeno mediático da literatura histórica. Daí xurde a idea de facer un monográfico da literatura, a novela e o ensaio histórico”, explicou esta mañá en Radiofusión a coordinadora da feira, Ana García.

A Feria do Libro, aberta ao público nos Xardíns do Posío da cidade das burgas, será o epícentro da semana literaria pero ademais inclúe actividades no Centro Cultural da Deputación, un ciclo de cine sobre nomes da historia, actos de animación, mesas redondas, conferencias ou sinaturas de libros.

Entre os autores que participarán na feira atópanse Juan Eslava Galán, Luis García Mañá, Manolo Rivas, César Vidal, Xosé Carlos Caneiro, Carlos Reigosa, Vázuqez Figueroa ou Luis Pimentel. En total 50 autores, críticos e historiadores que falarán do “fenómeno” da novela histórica, apuntou García. O cumio da cita literaria terá lugar o derradeiro día, o domingo 17 de outubro, coa presenza do escritor Antonio Gala.

O evento aposta pola implicación de todos os afeizoados á lectura e serán os lectores quenes outorguen o título de I Novela Inmortal neste certame. Un comité de expertos seleccionou dez obras destacadas pola sua dimensión ou polo número de vendas e o público decidirá a mellor. A novela galardoada quedará inmortalizada nun monolito na Alameda  alta de Ourense. Poderán votar en urna na Feria do Libro ou a través do portal web oficial auria.xacobeo.es. A organización xa repartiu miles de papeletas na cidade de Ourense nun “guiño” á cidadanía para que participe e disfrute do evento.

Neste interese de implicar ao público desenvolveranse encontros literarios. Segundo a coordinadora os asistentes participarán nunha tertulia distendida co seu autor favorito. Terán lugar todas as tardes, ás cinco, en grupos dun máximo de quince persoas.

Cultura