ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Xa coñecemos a valoración que o Banco de España fai de Novacaixagalicia, tan só o 7% da cantidade que figuraba nos libros que o presidente de NCG Banco, José María Castellano, levou ó organismo estatal. Polo tanto, a metade do previsto e anunciado polo presidente da Xunta, que asegurou que lle garantiran unha valoración do 15%. Isto supón, que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) toma o 93% de Novacaixagalicia, inxectando 2
A Comisión Europea autorizou o venres de forma temporal as recapitalizacións, como a de Novacaixagalicia, por parte do FROB por consideralas necesarias para aumentar a solvencia das caixas e manter a confianza no sistema financeiro español. Fernández Ordóñez cre que o traballo feito en España é suficiente para satisfacer as demandas europeas.
NCG Banco
A través dun comunicado pronunciouse ó respecto desta valoración da caixa os responsables de NCG Banco. Aseguran que pretenden situar a participación de Novacaixagalicia no banco entre o 12 e o 15 por cento antes do mes de decembro, marcándose o obxectivo de alcanzar o 15% en función dos requirimentos de capital finais do banco.
Novacaixagalicia utilizará a opción de compra pactada co FROB e que é extensible á totalidade das accións do fondo público para cedela a investidores privados estratéxicos, tanto fondos de investimento internacionais como empresarios galegos asentados na comunidade ou no exterior que desexen entrar no banco, dentro da operación de captación de capital pilotada polo presidente executivo da entidade, José María Castellano.
Xunta
O presidente da Xunta, sempre da man de NCG Banco, tamén se mantén na súa idea inicial de que a caixa teña un peso do 15% no banco, a través de ampliacións de capital e novas tomas de participación. Núñez Feijóo criticou que se elixiu para valorar “un patrimonio común” como é o das caixas “o momento máis crítico da economía”, e culpou ó Goberno socialista e ás súas leis desta situación negativa para os aforros dos galegos.
Como non, en sintonía co titular da Xunta, o portavoz parlamentario do PpdeG, Pedro Puy, quen recoñeceu que o valor de NCG “queda lonxe do esperado” e insistiu en culpar ao Goberno de Zapatero polos cambios “abruptos” de normativa de caixas. E, ó igual que fixo Feijóo na súa intervención, Puy falou do mal momento no que se ten que desenvolver este proceso de recapitalización como demostra que o Goberno español atrasase a venda parcial de Lotarías do Estado, para que o seu valor no mercado non estivese por baixo do real.
Fracaso sobre o fracaso
Tanto PSdeG como BNG coincidiron en criticar que esta valoración non chegue “nin á metade” do expresado por Núñez Feijóo. O portavoz dos socialistas no Pazo do Hórreo, Abel Losada, cualificou a valoración do presidente da Xunta de “fracaso sobre o fracaso”. Para Losada, o titular do Executivo autonómico utilizou este asunto como unha “estratexia de mercadotecnia política e de ariete contra o Goberno”.
Máis lonxe pretende chegar o responsable de Economía no BNG, Fernando Blanco, que esixiu unha comisión de investigación parlamentaria para determinar como se chegou a unha “valoración ridícula” do patrimonio de todos os galegos. O nacionalista pretende que esta comisión determine as responsabilidades políticas e dos xestores que derivaron a situación de Novacaixagalicia.
E falando de nacionalistas. O conselleiro do BNG en Novacaixagalicia, Xosé Luís Veiga Lage, destacou que a entrada do FROB na entidade supón “unha nacionalización pura e dura, aínda que exista posibilidade de retorno”. Segundo Veiga Lage, “con esta valoración, os posibles investidores, cunha pequeniña achega, vanse facer cunha entidade cun tamaño máis que respectable”.
Alcaldes de Vigo e A Coruña
Os rexedores de Vigo e A Coruña, implicados na fusión por tratarse das súas entidades representativas, Caixanova e Caixa Galicia, tamén se pronunciaron sobre a valoración do Banco de España. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou ao presidente da Xunta, que “dea explicacións políticas a toda Galicia sobre a súa operación de demolición das caixas de aforros”. Destacou que a fusión das caixas galegas “foi moitísima peor decisión" do que cría, "unha absoluta calamidade”.
O alcalde coruñés, Carlos Negreira, tamén cualificou de negativo ese peso do 7% de Novacaixagalicia, pero buscou os culpables noutra parte. Dixo que tiñan “nome”.
Sindicatos
Máis reaccións a este anuncio do Banco de España, a dos sindicatos CC.OO. e UGT, cuxos representantes reclamaron reclamaron á Xunta que "blinde" a obra social de Novacaixagalicia ante “o perigo de que desapareza”, porque isto significaría a perda de 325 empregos “despois da sangría” que reduciu o persoal en 1.200 traballadores.
Pola súa banda, a CIG-Banca considera que a entrada do FROB en Novacaixagalicia demostra que o plan de Castellano de conseguir investidores “foi un fracaso”. Segundo o sindicato, a día de hoxe, malia o mutismo oficial, semella que só fondos especulativos norteamericanos tomarían o control da entidade ao prezo minusvalorado que eles puxeron. Por iso, reclaman que a Xunta de Galicia negocie co Banco de España e o Ministerio de Economía un novo plan de recapitalización que dea entrada as administracións públicas galegas; clientela e traballadores.
Goberno español
Máis optimista amosouse o portavoz do Goberno español en relación á entrada do FROB nas caixas. José Blanco afirmou que o sistema financeiro gaña en solvencia, eficiencia e transparencia.