O fusilamento dos Mártires de Carral

O fusilamento dos Mártires de Carral

26 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O 26 de abril de 1846 produciuse o fusilamento dos denominados Mártires de Carral. Un pronunciamento militar progresista rematou sendo un xérmolo do galeguismo que durante anos lembrou aquela rebelión que comezara en Lugo e se extendeu por Teo e Santiago de Compostela. Un monumento en pedra de Asorey lembra aqueles homes que deron a vida por un ideal.

Recollemos de seguido a versión dos sucesos acaecidos en Galicia en abril de 1846, ofrecida por Xose Ramón Barreiro, na Historia de Galicia publicada en 1979:

 

“O levantamento de 1846 non pode ser interpretado como un pronunciamento militar máis. Hai elementos atípicos que teñen que ser asumidos nun modelo propio. No levantamento interveñen os militares, máis non somentes os militares. Hai unha incorporación moi notable de civís. O levantamento foi preparado na súa maior parte polo partido progresista, máis o grupo galeguista, o máis forte intelectualmente, soupo chegar a facerse imprescindible, dotalo da altura necesaria e controlalo civilmente por medio da Xunta Suprema de Galicia. Preside a Xunta Rodriguez Terrazo, actuando como secretario Antolín Faraldo, estudiante a quén debemos moitas das mellores páxinas escritas por eses anos sobre Galicia. O levantamento que comeza en Lugo o 2 de abril de 1846, derrúbase o 26 de abril en Carral, co fusilamento de doce oficiais. Máis non todo fracasou cando os dirixentes vencidos, Faraldo, Romero Ortiz, Rúa Figueroa, Añón, Rodriguez Terrazo e outros patriotas galegos pisaron a terra irmá de Portugal como exiliados. Xusto naquel instante o galeguismo empezaba a ser unha esperanza inmortal”. Rescatamos a continuación outra versión da Revolución producida en Galicia en 1846, daqueles sucesos que remataron co fusilamento de 12 militares na localidade coruñesa de Carral. Un monumento lembra alí a memoria dos Mártires de Liberdade.

 

Na Historia de Galicia, escrita por Vicente Risco en 1952, refléxase que o 1 de abril de 1846 levántase en Lugo o Batallón dirixido polo comandante Miguel Solís e Cuetos. Forman unha Xunta de Armamento e Defensa baixo o berro de “Viva a liberdade, viva a Raiña libre e constitucional, abaixo a camarilla e o dictador Narváez e abaixo o sistema tributario”. O dia 5 pronunciase a gornición de Santiago, a onde chegou Solís o dia seguinte. O dia 9 alzouse Buceta en Pontevedra, e o 10 Rubín en Vigo, e despois Baiona, O Morrazo, Redondela e Tui. De Madrid mandaron as tropas co Xeneral de la Concha ao fronte, pero mentras se suman ao pronunciamento Muros, Noia, Poboa do Caramiñal, Vilagarcia, Ribeira, Rianxo, Padrón e Caldas. O 15 de abril fórmase a xunta Superior de Goberno de Galicia, cuio secretario foi Faraldo. A Xunta dispuxo a supresión do sistema tributario, a rebaixa da sal e dos aranceis xudiciais, a reforma do plan de estudos e o amaño do presuposto do culto e clero, lanzou un manifesto e editou un periódico titulado LA REVOLUCION. Caseque toda Galicia estaba no seu poder. O dia 24 comeza a batalla de Cacheiras nas inmediacións de Santiago. O comandante Solís espera o reforzo das tropas de Vigo, que non chegan e tras un duro combate, as tropas gubernamentais prenden ao Exercito da Xunta de Galicia no mosteiro de San Martiño Pinario. Os doce xefes e oficiais dirixentes son conducidos á Coruña. Ao pasar por Carral, celebran nesta vila un irregular Consello de Guerra, condean a morte a Solís e aos outros 11 militares. Alí mesmo os fusilan e os enterran. Faraldo, Romero Ortiz, Añón e outros revolucionarios civís, tiveron que expatriarse. Continuamos con interpretacións dos sucesos de abril de 1846. Recollemos de seguido a interpretación do historiador Ramón Villares na súa história de Galiza, publicada en 1980:

 

Na década de 1840 unha xeración de intelectuais mozos descobren a singularidade de Galiza. Antolín Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz, Rodriguez Terrazo e outros integran este grupo de precursores. Realizarán un traballo intelectual de sistematización das características diferenciadoras de Galiza e dos problemas que se lle presentaban. Comezan ademais a desenvolver o concepto de unidade galega, utilizando elementos procedentes do rexeneracionismo, autonomismo e do provincialismo. A posta en práctica das súas ideas ofrécella a este grupo o pronunciamento de Solís en abril de 1846 en Lugo, contra o goberno de Nárvaez e a favor da Raiña Sabela Segunda. En principio foi un pronunciamento propio do progresismo español, no que tamén participaron destacados progresistas galegos. Pero logo do fracaso da intentona militar no resto da península, fórmase a Xunta Superior de Goberno de Galiza, instalada en Santiago, que preside Rodriguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo. Nunha proclama que esta Xunta difunde o 15 de abril de 1846, fálase de que Galiza “está arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida en verdadeira colonia da Corte. Pero vai levantarse da súa humillación e abatemento”. O pronunciamento fracasa tras a derrota en Cacheiras e o fusilamento dos seus dirixentes na vila de Carral o 26 de abril daquel ano. En 1904 unha suscripción popular logra levantar un monumento aos mártires da liberdade na localidade coruñesa. Aqueles sucesos de 1846 convertiránse nun mito para o galeguismo de comezos do século vinte.

A Real Academia Galega

O 26 de abril de 1846, logo dun sumarísimo e irregular xuízo, foron fusilados en Carral o Comandante D. Miguel Solís e once oficiais. Concluía así o levantamento iniciado o 2 de abril na cidade de Lugo. A vila de Carral, que asistiu horrorizada ás execucións, pasou a ter dende ese momento un posto de honra no panteón heroico do liberalismo. Aquilo non foi un pronunciamento militar máis, foi un levantamento ao que se sumou a mocidade galeguista, liderada por Antolín Faraldo. O Batallón Literario de 1846 loitou cóbado con cóbado cos militares na batalla de Cacheiras e na batalla de Santiago. Algúns deles pagaron coa vida o seu empeño. Eles constituíron a primeira xeración galeguista, loitando coa pluma nos xornais, no teatro, nos debates urxidos pola paixón identitaria e, cando chegou o momento, loitaron tamén coas armas na man. Loitaron pola liberdade e pola patria. Querían unha Galicia ceibe e forte, que nunca máis fora colonia da Corte como escribía Faraldo. Amaban a terra con ese amor desesperado que foi sempre patrimonio da xuventude. Foron vencidos, pero non fracasaron. Hoxe o estámolo a demostrar. Cando xa foron varridos, como po da historia, os nomes dos executores, nós seguimos a honrar a súa memoria e a vivir da semente da galeguidade que nos deixaron. Xosé Ramón Barreiro Fernández Presidente da Real Academia Galega

 

O contexto histórico

O mes de Abril de 1846 pasou a história de Galiza por ter rematado co sangue verquido polos “Martires da liberdade” en Carral o dia 26, mais tamén polos acontecementos que encheron a Galiza de arelas de liberdade, e que comezaron o dia 2 en Lugo cando un batallón do exército se levanta baixo o mando de Miguel Solis. Non tardan en sumar-se outras cidades galegas como Santiago o dia 4, Pontevedra o 9, Tui, Vigo e comarca, o dia 10. O 15 de Abril reune-se en Santiago unha Asemblea que toma como principais decisións a de criar dous corpos de exército, un deles baixo a denominación de “exército libertador de Galiza”, e a de constituír unha Xunta Suprema do Reino de Galiza, que contará como Presidente con Don Pio Rodríguez Terrazo, e como Secretário a un dos principais ideólogos do Provincialismo (movimento no que se situan as orixes do nacionalismo): o mozo Antolin Faraldo. A Faraldo encarga-se-lle a tarefa de redactar unha proclama que verá a luz ese mesmo dia, na se explican os obxectivos revolucionários, e se compromete directamente a combater a situación de asoballamento na que vive Galiza “convertida nunha colónia da Corte”, polo cal a Xunta encargará-se de fomentar o intereses materiais de Galiza. Conclue a proclama dicendo que Galiza há conquistar “a influéncia de que é merecente, colocando-se no alto lugar a que está chamado o antigo reino dos Suevos. Que a espada de Galiza faga inclinar unha soa vez, a balanza en que se pesan os destinos de España”. Xa que logo este non era un pronunciamento máis dos que terán lugar no Século XIX. Este levantamento facia-se desde Galiza con claras arelas de autogoverno, convencido de que a liberdade no Estado só podia partir da liberdade dos seus Povos, e da desaparición do centralismo. Don Ramón Otero Pedraio describe asi estes feitos en “Os Camiños da vida”, con frases coma estas:

“As cousas estaban ben preparadas. O comité civil arelante dunha Galiza ceibe, soubo transformar o movemento militar nunha verdadeira e salvadora revolución(...).Dende a pequena capital de provincia, o erguemento faria estoupar en revolta todos os ventos da España. Os pobos terian liberdade, e Galiza seria unha personalidade ceibe”. Mais os acontecimentos non sempre son favorábeis ás causas nobres e esta revolución que tiña como un dos seus obxectivos redimir a Galiza, chocou o dia 23 de Abril, en Montouto, na coñecida como batalla de Cacheiras por ter sido esta a parróquia onde se produciron os feitos, coas tropas enviadas polo poder central para reprimir o levantamento baixo o mando do Xeneral Concha. A partires deste momento comeza a derrota das tropas da liberdade, que teñen como último ponto de resisténcia o mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela. “Dediante do perigo, Compostela tiña un aspecto de Paris na grande revolución. Os homes corrian polas ruas para ergueren parapetos, nas esquinas as verbas aloumiñantes das proclamas mantiñan o entusiasmo. Organizaronse sabiamente os tres recintos da defensa. Os artigos de Faraldo na Revolución tiñan o acerto de ferir no medio dos corazóns. A min faloume a segunda noite de febre, do pensamento de botar os paisanos a unha guerra social. Xa na derradeiras horas falou de Espartaco e de Dantón cos masóns da Xunta. Mais estes, homes no fondo de orde, só arelan unha boa e clara constitución, o ideal de calquera Espatero. Á mañá, chuvizosa e tristeira, ollaba-se desde as torres de Sant-Iago o combate nos agros de Montouto e Cacheiras. Entre as xestas e tras os muros acendiase os fogonazos: aos bairros de Sar chegaba ben claro o bater dos tambores.(...) Os batallóns de Solis entraron ordenados, pecharon as portas (de San Martiño Pinario) e comezaron a defensa; xa os atacantes asomaban polos extremos da praza. Os oficiais corrian ás fiestras afinado a punteria dos soldados. habia poucas municións. Os homes chamuscados pola pólvora, estaban serios, mais non parecian tristes nin cansos.” (R.Otero Pedraio: Os Camiños da vida Pax: 208-210)

Os principais dirixentes desta revolución galega de 1846, irán camiño do exílio e o desterro, ou no pior dos casos serán fusilados o dia 26 pasando a ser para sempre lembrados na memória colectiva do Povo Galego, polo que deron a vida, como os Martires de Carral, por ter sido este lugar onde os fusilaron cando presos ian camiño da Coruña pra seren xulgados.

Sociedade