O futuro

O futuro
01 de Decembro, 2022 - 03:03 h. | Publicada por Radio Fene

Antía, Candela e Lía. Tres nenas de Fene. Futuras estrelas do fútbol feminino. Estiveron no programa A Fenestra, de Radio Fene, coa presidenta do Maniños, Puri Hermida, para contar a súa experiencia no campo de xogo, as dificultades que atopan, a quen admiran e por que escolleron practicar este deporte

ESCOITA O PODCAST:

Antía, 10 anos, defensa; Candela, 10 anos, porteira, e Lía, 9 anos, dianteira. As tres do Maniños. Antía e Candela no equipo alevín B. Lía do equipo benxamín. "A mín gústame o fútbol porque tes que correr moito, xogo desde o ano pasado, empecei porque vía ao meu irmán e dábame moitas ganas, tamén xogan miña nai, primos e amigos", explica Lía. "Eu empecei o ano pasado, tamén xogaban os meus amigos...", di Candela. Antía, "empecei este ano, antes xogaba no colexio, meu avó, meu primo e amigos tamén xogan, practico outros deportes pero o que máis me gusta e ao que me quero dedicar toda a miña vida é o fútbol".  Na casa arroupáronas "as familias están implicadas, estamos moi contentos, sempre están dispostos a axudar", indica a presidenta. Hai unanimidade, iso si, en que na casa lles din que non poden descoidar os estudos. "As veces a profe manda deberes, non dá tempo e acabamos chegando tarde ao fútbol", lamenta Antía. Adestran dous días por semana en sesións de hora e media, "correndo, aínda que chova". No Maniños hai 32 rapazas que practican este deporte. No fútbol base son 7 nenas. Estes días andan moi pendentes de Qatar "eu vexo todos os partidos que xoga España". Quen gañará o Mundial? todas a unha: "España". Na lista dos xogadores que admiran estrelas como Ronaldo e Messi.

Deportes

Publica o teu comentario agora