O galego na Coruña

O galego na Coruña

21 de Marzo, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O galego óese entre a mocidade no centro da Coruña. E non son casos illados senón que se escoita utilizar o noso idioma a un número apreciable de mozos e de mozas polo Cantón Grande e a Rúa Real. Sen dúbida próximas enquisas do Instituto Galego de Estatística xa se farán eco desta onda de usos lingüísticos que ten motivado máis dun debate nas redes sociais.

Algúns atribúen o efecto ás ondas de inmigrantes procedentes da Costa da Morte que terían máis apego á lingua de Rosalía, sendo quen de vencer a castelanización que ata agora era sinónimo da urbanización. Outros esculcan as causas do avance do galego, nos resultados das eleccións municipais e na chegada á alcaldía dunha persoa –Xulio Ferreiro- que utiliza a nosa lingua sen espaventos pero con firmeza e convicción. Que un cargo de prestixio, e asociado a unha certa imaxe de rebeldía atractiva para a mocidade, use o galego, sen dúbida exerce un positivo efecto de propagación. Quizais tamén empuxe na mesma dirección que a vicepresidencia da Deputación recaerá nunha muller –Goretti Sanmartín- cunha longa traxectoria no activismo a prol do galego. As grandes lonas da campaña “Libera Rosalía” que aínda hoxe cobren parte da fachada do teatro Colón, son algo máis que un símbolo. 
Facendo unha xeira de entrevistas sobre o galego a un grupo de estudantes de Pontedeume, preguntabámoslle cal era a lingua que utilizaban de xeito cotián coas súas amizades. O castelán, respondían de xeito unánime. Un rapaz duns quince anos explicábao: “Pola presión social”. Entón, porque hoxe, aquí respondedes todos en galego? “Porque vós sodes unha emisora en galego e vides aquí preguntarnos e tamén exercedes algún tipo de presión”. 
Máis que a presión, benvida sexa toda a sedución que atraía para o galego ás capas máis novas da poboación urbana, porque boa parte do futuro da nosa lingua, xógase nas grandes cidades.
Sociedade