O GPS da guerrilla antifranquista

O GPS da guerrilla antifranquista

01 de Outubro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Non hai quen chíe no Cal do Barqueiro, en pleno corazón das Fragas do Eume. Alí non traballa o GPS e os escasos visitantes deste lugar paradisíaco poden beber as augas limpas do regato. De seguro que poderían ir de cazata ou pescar algunha troita despistada. Era un dos refuxios da guerrilla antifranquista e alí as forzas da dictadura nunca lograron atrapar a ningún dos "escapados".

O silenzo do lugar de seguro que permitía escoitar o ruído dos padais ao mastigar. Unha das principais precaucións dos guerrilleiros debía ser coas fumeiras, que podían alertar aos cereixeiros sobre a súa localización nun lugar ignoto das fragas do Eume, posiblemente no centro dun triángulo imaxinario con vértices nos lugares de Valedoso, O Barqueiro (Cabanas) e o mosteiro de Caaveiro (A Capela).

O acceso aos agochos da guerrilla é moi dificil. Precísase agachar por dúas ladeiras sucesivas practicamente verticais e duns 50 metros de altura. Logo hai que descender outros 50 metros por outra costa moi peada. Os visitantes non invitados debían acceder un a un e en calquera caso serían doadamente repelidos os ataques, ou daría tempo para fuxir por algunha das saidas do lugar. As covas e cabanas do Cal do Barqueiro foron utilizadas durante varios anos pola guerrilla antifranquista e cando, unha confidencia, alertou á Garda Civil, os loitadores pola libertade puideron fuxir sen excesivas dificultades.

Unha sentenza de 1951 nunha causa aberta por actividades antifranquistas a numerosos veciños e veciñas de Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume e Mugardos, condéna a Ramón García Rodriguez “Manteiga por facilitar víveres aos guerrilleiros, utilizar un bote para trasportalos dunha beira a outra do río Eume e facilitarlles materiais que estes utilizaban para a construción de covas-refuxio en montes despoboados, cuio emprazamento coñecía o encartado”.

Sociedade