O gran problema foi finalizar esta temporada

O gran problema foi finalizar esta temporada
04 de Xuño, 2020 - 11:16 h. | Publicada por Radio Fene

A Federación Galega de Fútbol ponse a traballar no deseño da nova temporada pero coa incertidume aínda do que decidan as autoridades sanitarias. 

ESCOITA O PODCAST:

Uns corenta clubs reuníronse por videoconferencia coa Federación Galega de Fútbol o pasado martes 2 de xuño para consultar posibles dúbidas tras a resolución tomada por este organismo o pasado 27 de maio, de dar por finalizada a temporada, a causa da crise sanitaria do Covid19. A metade deses clubs amosan a súa conformidade, outros prantexaron as súas inquedanzas. “A resolución tomada pola Federación Galega é a única que non perxudica á maior parte dos clubs, pero sempre haberá quen non estea conforme” declarou a Radio Fene o vicepresidente da FGF e presidente do Club Imperátor da Coruña, Juan Vilamisar. Despois de máis de dous meses de deliberacións e de falar con todos os clubs de Galicia, realizaron esta consulta online que, de todas formas, non é vinculante. “Nós temos que seguir a pauta da Federación Española de Fútbol” asegura Vilamisar. O gran problema era rematar esta temporada. Agora comezan a traballar na próxima competición pero sabendo que están nas mans das autoridades sanitarias que son as que teñen a última palabra.

A nova temporada vai ser diferente

De entrada non se sabe cando pode comenzar. En segundo lugar, “se hai máis equipos e menos tempo para xogar, probablemente haxa que cambiar o número de grupos. Haberá que facer encaixe de bolillos” explica o vicepresidente da FGF. En todo caso asegura que lle comunicarán a todos os clubs as decisión que se tomen. O novo calendario ten que ser ratificado pola asemblea xeral que soe celebrarse na segunda quincena de xullo. Aí apróbanse as divisións e o calendario. Vilamisar reitera que iso era o normal pero non pode asegurar que se celebra nesas datas, dependendo da evolución da crise sanitaria. “Hai que ter en conta que o fútbol é un deporte de contacto e iso inflúe nos tempos”.

(Na imaxe, un derbi Perlío-Maniños)

Deportes

Publica o teu comentario agora