O Greco de Monforte

O Greco de Monforte
31 de Marzo, 2021 - 10:45 h. | Publicada por Radio Monforte

Unha proposta para a Semana Santa consiste no achegamento á Pinacoteca dos Escolapios de Monforte de Lemos. Pódense contemplar alí dous dos máis fermosos cadros do Greco. A Oficina de Turismo de Monforte (982 404715) xestiona visitas guiadas todos os dias en sesións de mañá e tarde. Custan 4,5 euros e se prolongan por espazo dunha hora. Están pendentes de autorización para aumentar o aforo de cada unha das visitas.

San Francisco de Asís e o irmán León. Greco. Monforte de Lemos

Os dous cadros do Greco que se poden ver na Pinacoteca dos Escolapios en Monforte de Lemos ("A aparición da Virxe co Neno a San Lourenzo" e "San Francisco de Asis e o irmán León") foron encargadas polo cardeal Rodrigo de Castro (1523-1600), membro da Casa de Lemos e fundador do Colexio da nosa Señora da  Antigua de Monforte. Desempeñou un importante papel na corte de Felipe II e formou parte do Consello de Estado e do Supremo Consello da Inquisición española; foi bispo de Zamora e Cuenca e arcebispo de Sevilla.

O Greco exhibiu virtuosismo técnico nas vestiduras litúrxicas do "Enterro do conde de Orgaz" (1586-1588), unha das súas obras de máis sona. Curiosamente, neste último cadro tamén aparece un hábito de franciscano, que O Greco perfeccionou cunhas pinceladas máis soltas no "San Francisco" (1609) de Monforte. Os cadros "galegos" do Greco atópanse nun excelente estado de conservación. En 1927 foron restaurados por Manuel de Arpe, restaurador do Museo do Prado.

Cultura

Publica o teu comentario agora