O grupo Saraibas rexurde por un dia no Festival Irmandiño.

O grupo Saraibas rexurde por un dia no Festival Irmandiño.

18 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Xunto á apertura do castelo ao público, un dos alicientes deste sábado no Festival Irmandiño de Moeche será a actuación do grupo Saraibas. A banda folk xa tocara na primeira edición da festa hai trinta anos. Un compoñente  emotivo a engadir a un festival dos máis atractivos e espectaculares da comarca ferrolá.

O Castelo de Moeche é protagonista e testemuña do Festival Irmandiño que se celebra este sábado 22 de agosto. Unha fortaleza pertencente á Casa de Alba ,que estivo en obras durante anos e que se abre na xornada sabatina para recrear episodios da Idade Media. A Asociación Cultural Castelo de Moeche reivindicou ao longo deste tempo a apertura do mesmo ao público así como o seu uso.

O cartel musical conta nesta edición co atractivo de Saraibas. O grupo folk retorna, como quen dí, á súa casa. Non en balde actuaron na primeira edición do festival. Agora vólvense a xuntar co gallo do festival. Unha compoñente da Asociación Cultural Castelo de Moeche, María Xosé Hermida, comentou para Radiofusión o emotiva que vai ser esta actuación.Os feneses Bellón-Maceiras Quinteto e a actuación de Lamatumbá conforman o cartaz musical dos festexos. Amais a organización trae cada ano unha novidade que nesta edición recae no grupo zaragozano Mallacán.

Á media noite o asalto ao castelo, unha recreación das revoltas irmandiñas, excitará aos asaltantes e ao público. Centos de persoas vivirán con expectación a invasión. Segundo Hermida, o Festival non conta coa axuda necesaria das institucións e financiáse co público asistente. Agardan bó tempo para que a asistencia sexa numerosa e poidan sufragar os gastos dos festexos. 

Sociedade