O grupo socialista de Vilalba cualifica de”falta de respecto” a negativa da Xunta a organizar a “Xira dos Maiores”

O grupo socialista de Vilalba cualifica de”falta de respecto” a negativa da Xunta a organizar a “Xira dos Maiores”

29 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O grupo municipal de Vilalba do PSdeG-PSOE inquirirá ao equipo de goberno da capital chairega sobre a polémica relacionada coa falta de fondos da Xunta de Galicia para organizar a Xira dos Maiores, que corría a cargo por enteiro do organismo autonómico e que tivo que ser financiado pola Comisión de Festas de San Ramón baixo a denominación de Día da Terceira Idade.

Segundo a súa voceira, Elba Veleiro, a Xira dos Maiores “é un acto plenamente implantado e que trae multitude de persoas doutros lugares que veñen a desfrutar  dun día de lecer, ademais de aportar a moitos negocios do pobo uns ingresos adicionais importantes”, Por isto, desde a formación socialista falouse de “desprezo sen xustificación”  por parte do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, co “pobo de Vilalba”.  

Os socialistas vilalbeses tamén opinaron que a postura do alcalde, Gerardo Criado, foi “pouco clara”, posto que “ou defende a celebración da Xira dos Maiores como sempre e busca o apoio da Xunta para que non se vexa reducido o seu valor, ou terá que xustificar  a decisión do Goberno do PP co seu Presidente Núñez Feijoo ao fronte, que as primeiras de cambio recurta unha achega ao noso concello xa consolidada hai moitos anos e que a propia Conselleira de Traballo e Benestar tanto exaltaba no 2009”.

Por isto, inquirirán ao edil chairego se realizou “xestións ante a Xunta de  Galicia para que se fixera cargo da organización desta festa dos maiores”, ademais de se “o Concello colaborará coa Comisión de Festas con algunha axuda suplementaria para este acto”.

Solicitudes veciñais

A formación socialista dirixirase ao alcalde vilalbés para saber o nivel de atención que se lle presta desde o equipo de goberno ás solicitudes presentados polos veciños de Vilalba sobre diversas cuestións. O motivo é que varios cidadáns afirmaron non atopar resposta aos seus escritos, cuestión que o PSdeG considera como “necesaria” para satisfacer o “dereito dos veciños á información e á transparencia na xestión doe quipo de goberno municipal”.
 
    
Actuacións do San Ramón

Outra das intervencións do grupo estará encamiñada a dirimir o financiamento real dunha das actuacións das vindeiras Festas grandes da vila, en concreto a da Orquestra Panorama, posto que desde a Xunta, que patrocina a xira que esta banda musical está a levar por Galicia, anunciou que o seu concerto de Vilalba forma parte da programación do Xacobeo 2010. Sen embargo, desde a Comisión de Festas se estableceu que esta actuación está financiada dentro do programa organizado por esta organización vilalbesa.

Sociedade