O humor e a música de Xan Solo

O humor e a música de Xan Solo

24 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Despois do éxito colleitado o pasado día 28 de outubro no concerto de presentación do seu primeiro disco en directo, “Un home, un escenario”, Xan Solo continúa coa promoción do seu traballo na capital galega. Este xoves dia 25 actuará no Bar Medusa de Santiago de Compostela ás 22:30 horas.

Xan Solo continua levando a súa música a tódolos recunchos da capital galega. Desta volta, a presentación de “Un home, un escenario” trasládase ao Bar Medusa, en Compostela, a carón do antigo Conservatorio da cidade (en Casas Reais). Trátase dun local intimista, acolledor… perfecto para a posta en escea de Xan Solo.

Neste concerto, Xan presentará os temas do seu primeiro disco en directo e dos seus dous anteriores traballos, “Cancións informais” e “Un lánguido poema arde”. Ademais, o concerto no Medusa servirá para traer algún novo tema e máis historias musicadas que o maxín creativo de Xan segue a parir de pouco en pouco.

Como é habitual en cada espectáculo de Xan Solo, a ironía, o sarcasmo e o humor están garantizadas nunha montaxe musico-teatral que pouco a pouco vai collendo adeptos polos arredores de Compostela e por diversos puntos da xeografía española. Na edición de “Un home, un escenario”, colaborou Xusto Lera, que ademais de encargarse da posproducción do CD, participa en varios temas deste disco.

A estrea

“Un home, un escenario” foi grabado o pasado mes de maio na Sala Rinconete de Madrid e a súa presentación oficial tivo lugar o 28 de outubro no Café Bar “As Dúas”, de Santiago. Xan Solo encheu tanto o escenario, coa súa perfecta escenografía e interacción co público; coma o local, que se abarrotou para desfrutar da nova experiencia en vivo de Xan Solo.

Podes coñecer máis acerca de Xan Solo no seu blog http://xansolo.blogspot.com.

Cultura