O idioma único da fotografía de Gabriel Tizón

O idioma único da fotografía de Gabriel Tizón

04 de Marzo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

“Como pobres somos mellores nosoutros”. Díxollo ao fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón unha das persoas coas que traballou durante a primeira fase do proxecto “Causas Comúns” que desenvolve co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Pontevedra. En Guinea Bissau estivo a presentar por diferentes aldeas do país africano a mostra de imaxe

O diálogo de ida e volta que Tizón activou entre a pobreza en Europa e África é posible grazas a que “a fotografía é un idioma que ten unha particularidade que o fai único, porque non necesita tradución”. “Iso é clave deste proxecto”, explica sobre “Causas Comúns”. En Bissau presentou unha visión dos países europeos inesperada. “Eles o teñen totalmente idealizado, os teñen engados: só chegan o fútbol e os famosos”, relata o fotógrafo. “Chamáballes a atención ver a xente durmindo na rúa, que era algo que non entendían”, engade Tizón. Europeos e africanos comparten o soño dunha vida mellor e con esta iniciativa tentou “facer comúns eses sentimentos e dar en África unha información que non lles chega”.

Verbo do título da mostra que hoxe presenta, “Soños e mentiras”, revela que no que atinxe a África, “as mentiras padecémolas todos, non son por unha casualidade e serven para disimular certos negocios no continente africano”.

Grazas ao traballo co Fondo, Gabriel Tizón puido impartir obradoiros de fotografía con fotógrafos africanos, cuxo traballo “está lonxe por medios, mais non por talento”. Esa experiencia didáctica tivo reflexo en Galicia cunha aulas maxistrais de fotografía social que desenvolveu o pasado ano. A aprendizaxe que el fixo foi que “a través da cámara todos somos iguais, todos temos as mesmas sensacións”.

Sociedade