O IESCHA presenta a reedición de dous dos seus Cadernos

O IESCHA presenta a reedición de dous dos seus Cadernos

30 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) presentou hoxe a reedición de dous dos seus Cadernos, os correspondentes ao números 1 e 3, e o boletín “Pena do encanto”. No mesmo acto se fixo un pequeno balanzo das actividades realizadas por esta institución vilalbesa baixo o convenio subscrito coa Deputación de Lugo. No acto interviñeron o presidente do IESCHA, Manuel Castro Santamariña e o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e respons

A reedición destes dous volumes responde, tal e como indicou Castro Santamariña, a unha “demanda popular, xa que eran moitos os vilalbeses que querían facerse con eles e na actualidade  se atopaban esgotados”.

 

 

O primeiro dos Cadernos inclúe artigos de investigación sobre a Escola de primaria pública de Vilalba; os cruceiros da Terra Chá e as súas tipoloxías de Cospeito, a fidalguía chairega, os irmáns Peña Novo ou textos de nova poesía. No caderno 3 trátanse temas como a Vilalba do século XVII, O Instituto Manuel Murguía, un Eloxio da República, unha lembranza de Francisco Roca ou un texto de Xesús Alonso Montero sobre as páxinas inéditas de Antonio Peña Novo, entre outros.

 

Ademais destas publicacións, o IESCHA tamén distribuirá, gracias ao apoio do organismo provincial, o libro “Andando a Terra (Cha)”, que recolle 56 colaboracións de Manuel Hortas en A Nosa Terra. Estes artigos pertencen ao período entre 1978 e 1989 e teñen a esta comarca como o seu centro de atención.

 

Outra das publicacións presentadas foi o número 5 do boletín informativo do IESCHA, “Pena de Encanto”, que conta con textos de Arturo Gómez Mato, Carme Pernas e Sabela Figueira, Xosé Manuel Blanco, Orlando Vivero, Lionel Rexes e Rafael Yáñez.

 

O presidente desta institución vilalbesa, Manuel Castro Santamariña, aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración da Deputación Provincial, a través do convenio “Pena de Encanto”. Castro fixo un balanzo “moi positivo” das actividades desenroladas coa axuda dos preto de 10.000 euros, e esperou que a colaboración “continuase o vindeiro ano”. Entre as diferentes accións acometidas con esta axuda, ademais das presentadas hoxe, destacaron a celebración do “V Día da Cultura Chairega”, que coincide co cabodano da morte do poeta de Outeiro de Rei, Manuel María; e a primeira edición do “Certame de pintura ao aire libre” e que se saldou “cun grande éxito de participantes e de público”.

 

Manuel Castro esperou que este compromiso se poida renovar no 2010, co que se afrontarían novas actuacións culturais na comarca como “o VI Día da Cultura Chairega, unha segunda edición do Certame de Pintura ao aire libre, e a reimpresión do libro de Carlos Gómez Osa sobre os cambios arquitectónicos que sufriu o concello de Vilalba nos últimos tempos”.

 

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, expresou a súa felicitación ao IESCHA polos “10 anos de traballo intenso realizado na defensa do patrimonio cultural da comarca da Terra Chá” e reafirmou o apoio do organismo provincial, no que o IESCHA “sempre terá abertas as súas portas”.

 

Bao fixo unha defensa do “asociacionismo de base” para conservar e evolucionar “o patrimonio material e inmaterial dun pobo”, ao que cualificou como o “principal alicerce da súa identidade”. O responsable lucense admitiu que “un dos principais obxectivos da Deputación é traballar a reo para afianzar eses alicerces e defender ese asociacionismo de base tan necesario para o noso futuro”, polo que desde a área de Cultura do organismo lugués ”sempre se apoiará o labor de institucións como o IESCHA”.

Cultura