O Imperio Secreto de Álvaro Cunqueiro

O Imperio Secreto de Álvaro Cunqueiro
10 de Setembro, 2021 - 01:16 h. | Publicada por Radio Fene

Álvaro Cunqueiro publicou case trinta artigos falando do Imperio Secreto nas revistas Destino e Sábado Gráfico e nos xornais La Noche e Faro de Vigo. O escritor debuxa un mundo imaxinario no que recrea toda unha serie de situacións. Aproveitando a ficción, Cunqueiro fala do racismo ou dos despidos aplicados pola Renault en París en 1960, no que se seleccionaron os traballadores despedidos utilizando ordenadores. Asuntos de actualidade que foxen da inmediatez. Aparecen temas como as crises da sociedade industrial, a corrección política, a censura ou as eleccións.  O fillo do escritor, César Cunqueiro falará sobre "El Imperio Secreto de Álvaro Cunqueiro" nun acto que se celebrará o venres dia 17 ás 19,30 h. no Circulo de Fene, con entrada libre ata completar o aforo.

Ensaio do podcast "Os Incurabeis" en Fene

No acto presentarase o cadro dramático de Son Radiofusión que se chamará “Merlín e familia”. Tamén se anunciará a primeira produción de “Merlín e familia”, o podcast “Os incurábeis”, unha adaptación da novela homónima de Antonio Tizón na que participan máis de 30 actores e actrices de Fene, Ferrol e A Coruña. 
Amor pola vida
A sinxeleza, a falta total dunha obsesión polo acumulo de cousas, sobre todo polos cartos, caracterizaba a personalidade de Álvaro Cunqueiro. Era feliz tendo uns libros, paseando, facendo tertulia cos amigos, tendo cabeza para poder pensar, crear e dialogar cos escritores. Despreocupábase dos resultados materiais, polo mercantilismo. Deixou unha herencia que non morrerá endexamais. Ao autor do libro “A cociña galega” gustoulle comer e comeu con apetito, pero apreciaba as cousas sinxelas, os produtos tradicionais galegos, a cociña caseira, gozada con grande amor e devoción. O amor pola vida era total, sen reservas, segundo indica César Cunqueiro. A Idade Media e Bizancio eran dúas obsesións para o escritor de Mondoñedo. Pero a súa obra está tamén moi vencellada á terra, aínda que poida salientarse o papel da imaxinación sobre todo nunha época na que no conxunto do estado non reinaba máis que a novela realista, entendida nun sentido estreito. 

 

Fotografía: Xan Xe Corral
 

Cultura

Publica o teu comentario agora