O importante papel do Arquivo Histórico Militar de Ferrol

O importante papel do Arquivo Histórico Militar de Ferrol
11 de Agosto, 2026 - 11:10 h. | Publicada por Radio Fene

O decano da Facultade de Filosofia e Letras da Universidade de Leon, Jose Javier Rodriguez González, dirixe a Cátedra Extraordinaria de Memoria Democrática, creada tras un convenio entre o Ministerio de Política Territorial e a Universidade de León. Ten como principal obxectivo programar accións de información, divulgación, formación e capacitación sobre Memoria Democrática, desde as orixes do Constitucionalismo ata o final da Ditadura, entendida como a soberanía do pobo na súa loita polas liberdades. 

ESCOITA O PODCAST:

Escoita aquí a conversa con Javier Rodriguez:
https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/110826RODRIGUEZ.mp3

O Arquivo Histórico Militar de Ferrol converterase nunha peza fundamental para a investigación estratéxica da memoria histórica nos vindeiros anos. Así o destacou o decano da Facultade de Filosofía e Letras de León, o historiador natural de Fene  Javier Rodriguez, quen debullou os novos proxectos vinculados á recentemente creada Cátedra Extraordinaria de Memoria Democrática da Universidade de León. Esta institución adicará parte dos seus esforzos a pescudar nas causas xudiciais e consellos de guerra da antiga Rexión Militar do Noroeste, custodiados na cidade departamental. O proxecto non só se limitará á vertente científica, senón que porá o foco nunha intensa actividade pedagóxica e de divulgación social. Segundo explicou o experto, cómpre concienciar e facer pedagoxía tanto coa rapazada para que entenda a diferenza profunda entre ditadura e democracia, como con aquelas xeracións nacidas durante a Transición que carecen dunha concepción clara do que supuxo o réxime franquista.Neste camiño, o labor do Arquivo Militar de Ferrol resulta clave grazas á súa política de apertura e facilidades para a dixitalización de fondos en colaboración con universidades e comunidades de toda España, como a do Principado de Asturias. O obxectivo final é poñer toda esta documentación a disposición directa da sociedade. Malia as décadas de investigación acumuladas sobre a represión franquista, a aparición de novos casos de persoas asasinadas que non figuraban en ningunha listaxe oficial de vítimas segue a ser unha realidade que o acceso a estes arquivos axudará a reparar.

Javier Rodriguez defende unha verdade histórica sobre a guerra, alonxada da equidistancia. Uns eran golpistas e outros demócratas. Ademáis, desde o ano 1939 ata 1975 só hai un estado, que é a ditadura, só existe a súa represión. En sectores da extrema dereita de España, pero tamén en Hungría e Alemania, hai un revisionismo histórico, un negacionismo sobre o caracter antidemocrático e cruel das ditaduras. José Javier Rodriguez González dirixirá a cátedra extraordinaria de Memoria Democrática da Universidade de León creada no pasado mes de maio. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora